Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Unha vida atada ao mar de Cambados

r.e. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Ángela Abal, «Lita», foi recoñecida como a mellor redeira de España, un título que gañaba día a día co seu traballo

04 may 2019 . Actualizado a las 08:50 h.

A de Ángela Abal, Lita, foi unha vida consagrada a atar. Atou o seu corazón roto ao quedar viúva moi nova: tiña fillas que sacar adiante e pouco tempo para as bágoas. Atou, tamén, a economía da familia ata tecer unha exitosa empresa de efectos navais coñecida en toda a costa galega, e mesmo máis alá. E atou, sobre todo, as redes sobre as que creou o seu pequeno mundo. Ángela Abal, Lita, xa non poderá atar máis: unha enfermidade quixo levaba así, de golpe, sen tempo a facer un nó máis.

Esta cambadesa naceu entre redes. Aos nove anos, sentada ao pé dunha cama de ferro, aprendeu a atalas grazas as leccións da súa tía. Non tardou en empezar a traballar no peirao de Cambados, e a súa labor pronto destacou: recibiu un premio das mans de Franco. Daquel día recordaba que o ditador «tiña a man coma manteca».

Pero eses recoñecementos oficiais non son nada comparado coa confianza dos armadores e mariñeiros que moitos días lle levaban as redes para que llas arranxase de noite. Ela sempre se esforzou por cumprir con todos. «O mar non espera», dicía sen deter as súas mans, sen apartar os ollos das redes.