
O concerto será o día 29 de xullo, o primeiro doutros sete na praza de Fefiñáns
17 dic 2021 . Actualizado a las 20:47 h.Co permiso da pandemia, á terceira será a vencida. O Concello de Cambados vén de confirmar a data do 29 de xullo para o concerto de Nicky Jam na praza de Fefiñáns. Esta actuación estaba prevista no 2020, pero a situación sanitaria obrigou a supendela. No 2021 tampouco foi posible, polo mesmo motivo, e espérase que, por fin, a estrela internacional da música poida subirse ao escenario en Cambados. Será o primeiro dos, como mínimo, oito concertos se van organizar dentro dunha Festa do Albariño que, nesta edición, logo das cancelacións da pandemia, vai durar máis días do habitual, ata o 7 de agosto. «Haberá concertos para todas as idades e de todos os estilos musicais. A partir de xaneiro iranse anunciando os demais artistas», segundo anuncia o concelleiro de Cultura, Tino Cordal.
As entradas para o concerto de Nicky Jam poden adquirirse a través do portal Ataquilla.com, a 45 euros. Seguen vixentes as entradas mercadas hai dous anos, cuxa venda provocou longas colas en Exposalnés.Daquela podían conseguirse por 15 euros.
Nicky Jam chegará a Cambados dentro da súa xira mundial Infinity, na que presenta o seu novo álbum, e o máis variado da súa longa traxectoria artística, xa que se compón de cancións que van desde o reguetón da vella escola ata os sons máis recentes.