O cine do director meañés Eloy Domínguez chega a Cambados avalado por unha manchea de premios

b. c. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

O auditorio da Xuventude acolle o sábado 18 un dobre pase coas súas películas «Hamala» e «Rompente»

08 jun 2022 . Actualizado a las 16:05 h.

Moita xente descoñece que Meaño é o berce dun cineasta que está obtendo premios polo mundo grazas ao seu bo facer tras da cámara. Trátase de Eloy Domínguez Serén que vén de gañar o Festival de Cans e a Biznaga de Plata do Festival de Málaga coa curtametraxe Rompente e acadou tamén importantes premios internacionais, entre eles o do Festival de cine documental Tempo en Suecia, coa longametraxe Hamada. Ambas películas poderán verse en Cambados o sábado 18, nun dobre pase que empezará ás 20.30 horas no auditorio municipal e no que estará presente o propio director para participar nun coloquio posterior. Este mércores estivo no Concello acompañado polo concelleiro de Cultura, Tino Cordal, quen agradeceu a Eloy Domínguez a súa participación nesta nova aposta por achegar o cinema con selo galego ao público cambadés.

Rompente está ambientada na ría de Arousa e narra a historia dunha parella de mozos que trata de abrirse camiño na vida desde a precariedade do traballo no mar,; Hamada ten unha duración de 87 minutos e é o froito de catro anos de traballo, do 2014 ao 2018, nos campamentos saharauís. Eloy Domínguez trasladouse a Tinduf para traballar como profesor voluntario nunha escola de cine e unha das súas alumnas acabou converténdose na protagonista desta historia que permite achegarse á realidade que viven os refuxiados do Sáhara. Para o público amante dos coches, Hamada tamén abre unha fiestra a este mundo, a modo de símbolo poético, a través dos Land Rover, segundo explicou o director.