O Club Ciclista Cultural de Cambados mira ao futuro lembrando o seu glorioso pasado

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

A directiva de Tito Fariña presentou en sociedade o seu novo e ambicioso proxecto honrando os seus fundadores

02 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O ciclismo arousán volve ver alumear o que un día foi o seu maior foco de luz. Tras un par de anos de inactividade polo pasamento de Ernesto Falcón Padín, o Club Ciclismo Cultural de Cambados presentou onte en sociedade a súa refundación. No quincuaxésimo aniversario da entidade, un grupo de antigos corredores, socios e afeccionados locais ao deporte das dúas rodas encabezados por Tito Fariña Charlín expuxeron en público no local da Cultural na que nacera en 1973 os seus plans para volver situar o C.C.C. Cambados no mapa do ciclismo galego e nacional.

Tras un breve discurso do alcalde, Samuel Lago, o presidente do club, Tito Fariña, debullou as liñas mestras nas que a súa directiva leva xa meses traballando. Empezando pola posta en marcha de varios equipos de competición nas modalidades de estrada e de montaña, e dunha sección de tríatlon, a primeira que competirá con licenza propia dunha entidade cambadesa. De feito, Fariña adiantou que o Cultural Cambados recuperará a Tríatlon Popular que se organizara na vila do albariño varios anos a década pasada. Ademais, barállase volver montar tamén a antiga escola de formación do Cultural de Cambados, inda que non de forma inminente.

Tras a mirada ao presente e ao futuro, os novos reitores do club converteron o acto de presentación da súa volta aos camiños nunha homenaxe á rica historia detrás do C.C. Cultural de Cambados. Empezando pola entrega de cadansúa placas ás familias dos que, desde onte, son os seus dous presidentes de honra, Ernesto Falcón Padín e Modesto Sánchez Alba, Teto, os dous homes que fundaron a sociedade deportiva e que, baixo a denominación comercial de Cesantesa Riego Lomba, converteron o equipo cambadés nas mellor escadra amateur de España entre 1976 e 1980. 

Vinte dous dos corredores daquela gloriosa etapa pioneira estiveron presentes no acto de onte. Vinte dous exciclistas entre os que figuraban Álvaro Pino, o actual director deportivo do Froiz, Evaristo Portela, Modesto Sánchez, fillo de Teto e pai do hoxe corredor profesional Ángel Sánchez, entre o público asistente, o representante Juan Campos, ou o masaxista do UAE José Teixeira. Pino falou en nome de todos eles.

Ademais de entregarlle unha mención especial a Gustavo César Veloso, o último gran corredor saído da súa canteira antes de desaparecer esta, a directiva do C.C.C. Cambados nomeou socios honoríficos a Rosa Prado García, viúva de Ernesto Falcón Padín, a Cristina Sánchez Losada, filla de Teto, a José Conde Mariño, expresidente da entidade, á Asociación Deportiva e Cultural de Cambados e a Francisco Santos Amoedo, o ciclista cambadés máis representativo na derradeira década do século pasado.

O club distinguiu tamén con cadanseu xerseis aos tres patrocinadores cos que abre a súa nova etapa, Deportes Rodas, Salnés Bici e Tales Venture, así como ao alcalde de Cambados. O acto contou ademais coa presenza do edil de Facenda Xurxo Charlín, do alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, e dos presidentes da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e da Asociación Deportiva e Cultural de Cambados, Luis Somoza.