Está considerado un dos grandes renovadores da escultura no século XX
03 jul 2023 . Actualizado a las 12:55 h.O vindeiro Día das Artes Galegas, que se celebra cada 1 de abril, estará dedicado ao escultor Francisco Asorey. Así o decidiu na súa pasada sesión ordinaria a Real Academia Galega de Belas Artes, que destaca a figura do artista nacido en Cambados como un dos grandes renovadores da escultura española do século XX. «Falar de Francisco Asorey, vinculado á Academia de Belas Artes e á Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, é falar da escultura galega por antonomasia. É a significación da escultura galega contemporánea, un escultor imprescindible e un dos grandes artistas galegos do século pasado», destacou o presidente da entidade, Manuel Quintana Martelo.
Asorey (Cambados, 1889-Santiago, 1961) foi un dos renovadores da arte galega e da escultura no século XX. Logo de exercer como profesor de debuxo no País Vasco, o contacto co ambiente artístico con Madrid, e en especial a súa amizade co pintor Julio Romero de Torres, foi determinante na súa carreira. En 1918 gaña por oposición a praza de escultor anatómico da facultade de Medicina de Santiago, cidade á que traslada a súa residencia. Do seu obradoiro comezan a saír esculturas en madeira policromada como A Santa ou San Francisco, coa gaña a primeira medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid. En 1930 traslada o seu taller por necesidades de espazo e traballa en obras polas que será lembrado como o monumento a Curros Enríquez.
Logo da Guerra Civil debe adaptarse á nova situación e crear pezas na nova linguaxe propagandística das autoridades franquistas, aínda que segue a facturar grandes pezas, como a Piedade para o panteón do Centro Galego de Bos Aires ou o monumento ao Padre Feijoo no mosteiro de Samos e o monumento a Ramón Aller en Lalín.
Dende a súa instauración no 2015, o Día das Artes Galegas homenaxeou a figuras como o mestre Mateo, Laxeiro, Domingo de Andrade, Maruja Mallo, Castelao e Luís Seoane.