O PP escolle Cambados para reivindicar a Lei do Litoral 

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Lectura do manifesto realizada hoxe en Cambados
Lectura do manifesto realizada hoxe en Cambados Mónica Irago

Pídenlle ao Goberno central o inmediato traspaso de medios materiais e persoais para que a Administración autonómica poida outorgar as concesións no dominio público marítimo-terrestre

27 abr 2024 . Actualizado a las 21:41 h.

O Partido Popular de Galicia reivindicou hoxe a Lei do Litoral a través de actos celebrados de xeito simultáneo nas tres provincias costeiras galegas e nas que se deu lectura a un manifesto a favor desta norma. Cambados foi o lugar escollido en Pontevedra e onde se reuniron varios cargos do partido para dar conta da vontade da Xunta «de recuperar o tempo perdido e de comezar a aplicar o antes posible a lei» e pedirlle ao Goberno central o inmediato traspaso de medios materiais e persoais para que a Administración autonómica poida outorgar as concesións no dominio público marítimo-terrestre.

«O Tribunal Constitucional vén de avalar por unanimidade a Lei de ordenación do litoral, unha norma feita por e para Galicia, que aposta por unha xestión integrada desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica, seguindo o camiño que marca Europa. E que ademais persegue a xestión sostible da nosa costa tanto no ambiental como no socioeconómico, promulgada desde onde mellor se coñece», indican os populares.

«Tras este respaldo xudicial, agora é o momento de recuperar os meses perdidos debido ao recurso do Goberno central. Un recurso máis político que xurídico, e que é un claro exemplo da diferenza de trato a Galicia con respecto a outras comunidades, coas que si dialogou e chegou a acordo, como Cataluña, Illas Baleares e o País Vasco».