Unha clase entre dornas, brea e peixe para achegarse á navegación tradicional
![Bea Costa](https://img.lavdg.com/sc/JQ5jvoQjNdfECnXre9c57W8g4Y4=/75x75/perfiles/185/1622891957553_thumb.jpg)
CAMBADOS
Mozos de Cambados descubriron un patrimonio marítimo «que é de todos» cunha actividade do Clube Mariño Salnés
30 abr 2024 . Actualizado a las 08:20 h.Como se chaman as partes dunha dorna?, como se aparella?, como se traballaba con elas no pasado? A todas estas preguntas dou onte resposta o Clube Mariño Salnés ante un grupo de alumnos de antropoloxía de primeiro de Bacharelato do instituto Ramón Cabanillas co gallo dunha actividade de divulgación sobre a cultura marítima que argallaron entre o clube e o centro de ensino.
Vinte rapaces puxeron de mañá rumbo a Tragove para visitar a lonxa e coñecer da man de Manolo como é a pesca e o marisqueo en Cambados; a clase continuou co patrón xubilado José Ramón Cordal, quen lles falou sobre o tipo de barcos, as artes de pesca e os caladoiros, e de aí marcharon á sede do Clube Mariño do Salnés, onde houbo ocasión de ver, tocar e ata cheirar a madeira e a brea que se empregan na carpintería de ribeira.
Foi unha clase de sensacións impartida por Xaquín, Fernando, Santi, Xesús e tamén Isidro, que apareceu por alí de casualidade e non perdeu ocasión de falar do proxecto da súa vida: o Chasula.
Un bote do Eo, unha dorna de escarba e a dorna de tope A muller de Balboas actuaron de campo de probas para que os rapaces viran como se arma o temón, a vela ou as drizas e como se preparan e restauran as embarcacións durante o inverno para botalas ao mar no verán.
Para a maioría foi todo un descubrimento porque o mundo da navegación tradicional aínda segue sendo moi descoñecido pese ao traballo que fan desde hai anos a través da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar). Desde Cambados aportaron onte o seu grao de area mediante unha actividade divulgativa que se completa cunha exposición de paneis e dunha dorna a escala instalados na entrada do instituto que serviron de marco para unha introdución sobre este patrimonio material e inmaterial. Da teoría pasaron á práctica e, de camiño a Tragove, tamén houbo oportunidade de afondar nas orixes do barrio mariñeiro de Fefiñáns e na toponimia da ría.Toda unha lección de historia e de vida que deixoulle unha mensaxe aos mozos: «O patrimonio marítimo é de todos, nós só somos os gardiáns», indicou Xaquín Cuíñas do Clube Mariño Salnés.