A Real Academia homenaxea aTakekazu Asaka, o autor do manual de galego para xaponeses
CAMBADOS
Cambados acolle o sábado o acto de nomeamento do profesor coma membro de honra da institución
07 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O filólogo xaponés Takekazu Asaka (Tokyo, 1952) converterase mañá sábado en membro de honra da Real Academia Galega. Farao en Cambados, o berce de Ramón Cabanillas, un dos clásicos das letras galegas que o tradutor nipón verteu á súa lingua materna. Asaka pronunciará un discurso titulado Do poñente ao nacente. Unha ollada dende Xapón á lingua e á cultura galega no auditorio da Xuventude, a partir das doce do mediodía.
A réplica correrá por conta do académico de número cambadés Francisco Fernández Rei. A sesión será libre ata completar a capacidade da sala, e poderá seguirse tamén en directo dende a web academia.gal e a canle en Youtube da institución.
A celebración hase completar cun recital poético a cargo da soprano Miho Haga e a pianista Kazumi Ogura, que interpretarán poemas de Cabanillas e Celso Emilio traducidos ao xaponés polo novo académico. A cantante é a voz do ciclo de música e poesía galega que Asaka organiza no Xapón dende hai dúas décadas.
Membro correspondente da RAG dende o 2017, o filólogo leva máis de tres décadas estudando o galego e a súa literatura, contribuíndo ao seu coñecemento no país do sol nacente. Doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Kansa Gaidai (Osaka), foi profesor universitario de castelán en Tokyo e impartiu clases de lingua, gramática e literatura galegas en varias universidades xaponesas e máis no Instituto Cervantes da capital nipona.
As súas primeiras achegas para a aprendizaxe do galego dende o xaponés remóntanse aos primeiros anos 90, cando publicou a Gramática do galego moderno (1983 e 2016), a primeira escrita para o público nipón. É o autor da Guía de conversación en galego (1994) e do Vocabulario básico da lingua galega (1996), no que cada termo se acompaña da equivalencia en castelán e xaponés. No campo da tradución, traballou os poemas de Lorca, a Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra, Ramón Cabanillas e a lírica galega medieval. ESte ano vén de traducir os haikus recollidos no libro de Esperanza Mariño A pousa da libélula. Kagueroo no yasuragui. Tamén escribiu unha guía en xaponés sobre a situación sociocultural de Galicia.
Premio Ramón Cabanillas, Folla de Ouro do Albariño e ilustre cabaleiro da Orde da Vieira, a Deputación de Pontevedra e a concellería de Cultura de Cambados colaboran coa RAG na recepción de Takekazu Asaka coma académico de honra.