O porteiro de volta a casa para retirarse aos 43 e pechar o ciclo dunha vida

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Roberto Pazos regresa 25 anos despois ao Juventud Cambados no que se formou, tras xogar no vello Compos, Lugo ou Arousa, e despois de probar o mellor e o peor que lle pode deparar o fútbol a un rapaz cheo de ilusión

26 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Roberto Pazos Agra cumprirá mañá 43 anos. Na súa cabeza, cando sopre as velas, un forte desexo competirá co tradicional trío de ases da saúde, amor e traballo por colocarse o primeiro da fila: «desfrutar de cada detalle» da que será a súa derradeira temporada coma porteiro de fútbol. E facelo pechando o círculo, regresando a onde empezou todo, o Juventud Cambados, para completar tres longas décadas nas que viviu o mellor e o peor que o balompé pode depararlle a quen se entrega a el, ata soñar con convertelo no seu modo de vida no seu paso polo vello Compostela e o Lugo.

Pouco tempo despois de retornar de Venezuela, onde marchara cos seus pais cun ano, para regresar con 9 xa en compañía dos seus dous irmáns, a ansia por xogar de Roberto levouno á canteira do Juventud Cambados. Entrou como infantil de primeiro ano e marchou ao rematar o seu segundo curso xuvenil. Foron «os meus mellores anos no fútbol, porque non te decatas do que fas, desfrutas; non importa gañar», conta. Palabras maiores que moitos rapaces que hoxe teñen a idade de Pazos daquela non poderán compartir no futuro, porque non todos os clubs ofrecen o que lle deu o Juventud, «un club familiar, no que primaba a formación e nos daban valores para andar polo mundo», sinala o cambadés. Deles, engade, tirou para espremer o mellor que lle deu o deporte e para manter viva a ilusión por xogar tras a dura experiencia no Compos.

Problemas económicos fixeron da fornada de canteiráns de Pazos o rico alimento co que, nos seus dous últimos anos no club, se alimentou o Cambados. Así debutou con 16 na Terceira, e alternou a portería de Liga Nacional coa de Preferente, antes de que Caneda o levara ao vello Compos no seu último ano xuvenil.

As lesións de Rafa e de René Ponk abríronlle en meses ao cambadés as portas do primeiro equipo santiagués da man de David Vidal. Certo é, coma terceiro gardamallas, con contados partidos co buque insignia do Compos, competindo co filial de Terceira a meirande parte do tempo, pero probando tamén a Segunda B e a experiencia dun par de aliñacións na Copa do Rei: ante o Recreativo de Huelva e ante o Dépor. Un partido, este último, do que saíu cun tesouro. «Eu era moi tímido e Pasic pediulle a Songo’o a camiseta para min. Grazas a un segundo adestrador teño a camiseta dun xogador lendario do Dépor, que gardo coma ouro en pano», relata o arousán.

As alegrías vividas deron paso a un calvario no quinto curso de Pazos en Santiago: «Xogamos practicamente sen cobrar. Aí vin o negro que é tamén o fútbol. Daquela non tiña fillos e estaba preto dos meus pais, pero vin compañeiros de fóra, xente humilde, que viñera labrarse unha vida que se converteu nun pesadelo». Foi entón cando o arousán se afiliou á Asociación de Futbolistas Españoles, o que lle permitiu ingresar unha compensación menor do Fogasa: «Déronme un 15 % do que me debían e o recoñecemento da Seguridade Social dos cinco anos de contrato semiprofesional que me fixera Caneda o ano anterior». Non foi a súa única peaxe no proceso de disolución do vello Compos. «Pola retención de fichas, ao non estar liquidado o club, non puiden fichar por equipos de superior categoría», recorda Pazos.

Medo a non cobrar lonxe da casa

Unha chamada de Carlos Ballesta, un dos seus adestradores en Santiago, levouno ao CD Lugo en Terceira. Botou algo máis dunha temporada, ata que partiu unha man e, tras perder a pelexa pola titularidade, xurdiu a opción de volver a Cambados para seguir xogando en Terceira no veciño Céltiga. Con 25 anos, «recuperei as ganas de xogar», di, ao tempo que se poñía a traballar de albanel co seu pai, ao que xa axudara algún verán de rapaz e co que continúa hoxe de empregado. «Había a posibilidade de marchar á Ponferradina ou ao Zamora de Segunda B, pero collínlle medo a sufrir impagos fóra da casa», confesa Pazos.

Un ano no Arousa, cinco no Vilalonga e un no Boiro deron paso a unha primeira mala experiencia no CD Ribadumia e a súa estra na Preferente, co Portonovo. Con 34 anos, Roberto cría chegado o adeus: «Tiña pensado retirarme, e entón, recibín unha chamada que non esperaba, dun club da altura do Arousa para pelexar por cousas importantes, e o adestrador que me chama —Jorge Otero— era un home que vira xogar por televisión».

Foi o comezo dunha segunda xuventude, que lle deparou a Pazos algunhas das súas maiores alegrías. Gañarlle ao Pontevedra a final autonómica da Copa RFEF co Arousa. E volver vivir, desta volta como protagonista, a Copa do Rei co Ribadumia. Parando dous penaltis ante o Viveiro para acceder á eliminatoria previa, e detendo outra pena máxima na Senra ante o Cádiz. «Teño toda a semana daquela eliminatoria na cabeza. Foi moi bonita» comenta: «As entrevistas e as fotos con tantos medios, a piña que fixemos todo o equipo. Parar o penalti con 0-1 e que xusto despois Cheri tivese un man a man con David Gil que se lle foi alto. Pensar o que se nos ía vir enriba e logo dicirte ‘Pois macho, estivemos a piques de complicarlle a vida a un Primeira».

De aprendiz a mestre

Tras cinco felices anos no Ribadumia, pechados cun ingrato descenso a Primeira Futgal, compaxinando os dous últimos a meta co labor de adestrador de porteiros do Arousa de Luisito, os plans de Pazos pasaban por colgar as manoplas este verán e seguir facendo carreira no corpo técnico vilagarcián. Pero a chegada de Míchel Alonso á Lomba e a súa decisión de pasar os adestramentos de primeira hora da tarde á mañá en busca dunha maior profesionalización do Arousa impediron a continuidade do cambadés.

Foi entón cando os tres anos de traballo de zapa da directiva e corpo técnico do Juventud, incluídos algúns antigos compañeiros de canteira, trouxeron de volta a Roberto: «Penso que a todo xogador lle gustaría rematar no club onde empezou». E se ademais pode ensinarlles aos seus futuros gardamallas, como fará el, que «un porteiro o que ten que facer é parar», sen riscos nin florituras innecesarias, Pazos volve sentir a ilusión daquel neno que comezara a gozar do fútbol no Cambados.