Cambados entrega este venres os premios do certame literario «Mar de letras»

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

Seis alumnos serán galardonados nas categorías de relato e poesía

07 nov 2024 . Actualizado a las 15:32 h.

Este venres terá lugar a entrega de premios do concurso literario «Cambados, mar de letras» organizado polo Concello e o IES Francisco Asorey, no salón de actos do instituto a partir das 13 horas.

Na categoría de poesía o primeiro premio recaeu en Paradifomos, de Anxo Pérez Prego, alumno do IES Francisco Asorey, e o segundo, en A derradeira despedida, de Aroa González Mosquera, alumna de IES Pedro Floriani (Redondela). O premio especial do xurado nesta categoría foi para Ódiote porque es ti, de Lucía De La Paz Grande, do IES Ramón Cabanillas (Cambados).

Na categoría de relato, resultaron premiados Esas flores que odio, de Etienne Romero Vieitez, do IES As Barxas (Moaña), e Pétalos de amor, de Adriana Otero Dozo, do Asorey. O premio especial recaeu en Botas amarelas, de Terry Agho, alumno do CEE de Panxón (Nigrán).

O xurado estivo integrado por Domingo Tabuyo, Susana Otero, Manuel Otero Outeiral e Gema Patiño Vázquez e para entrega dos premios anúnciase a presenza de Jesús Manuel Álvarez Bértolo, director xeral de Centros e Recursos Humanos de Educación e do alcalde e do concelleiro de Cultura, Samuel Lago e Liso González, respectivamente.

O obxectivo deste premio, é a promoción da lingua e a cultura galegas e dentro da programación do Día de Cabanillas que se celebra na vila.