«Calimocho» a diario e celebrando os cen anos cantando e con aturuxos

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Maruja A Parrula festexou o século de vida en Cambados rodeada de flores, da familia, amigos e políticos en Cambados

15 nov 2024 . Actualizado a las 09:00 h.

A María Baúlo González, Maruja A Parrula, a vida non lle foi doada. A súa nai morreu no parto, aos oito anos xa estaba traballando na seca, aos 40 quedou viúva e sacou adiante a tres fillos. A pesares de todo, cando se lle pide que faga un balance da súa longa vida, Maruja di cun sorriso nos beizos que foi boa. Desde logo, este xoves si o foi a conta do seu aniversario e da festa que lle montaron na súa casa, en Corvillón (Cambados).

Non era para menos. Maruja cumpre cen anos e aínda vai seguir celebrándoo o domingo cunha comida familiar. Parte da prole xa se reuniu hoxe para arroupala e asistir ás homenaxes que lle tiñan preparadas. Por unha banda, unha delegación do Concello de Cambados, co alcalde Samuel Lago á cabeza, agasallouna cun ramo de flores e un pin en forma de bolboreta que o propio rexedor lle colocou na chaqueta. Logo foi a quenda de Xuntos Seguros, que quixo aproveitar a ocasión para agradecerlle a unha das súas clientas máis queridas os 75 anos que leva pagando o recibo «dos mortos», como popularmente se lle chama ao seguro de decesos. O representante da empresa, Eduardo Martínez, entregoulle unha caixa de bombóns e unha planta e alí estivo tamén Andrés, un deses cobradores que aínda van porta por porta co recibo do mes.

Nunca en tal se vira esta muller. Peiteada para a ocasión falou para a televisión e posou ante as cámaras con gran disposición e soltura. Contou que lle gusta coidar o aspecto para estar guapa, que se hai que poñer tacóns, ponos, botouse a cantar en varias ocasións e ata se atreveu cun tímido aturuxo. A Maruja rompéronlle hoxe a súa rutina matutina, que pasa por levantarse tarde da cama e sentarse ao carón da ventá na procura do sol do mediodía. A súa vida transcorre de forma plácida na casa da filla mantendo os seus hábitos de almorzar na cama unha cunha de leite e comer ao mediodía con viño e Coca Cola, porque o calimocho non só e cousa de botellón. Agás algún problema de mobilidade, María Baúlo goza de boa saúde, e que por sexa por moitos anos para ver crecer á unha familia formada por 3 fillos, 19 netos, 17 bisnetos e 2 tataranetos.