Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Noelia Gómez recoñece un «erro» e corrixirá o reparto das axudas deportivas aos clubs de Cambados

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

A concelleira de Deportes, Noelia Gómez, en febreiro do 2023, no club Innae que dirixía
A concelleira de Deportes, Noelia Gómez, en febreiro do 2023, no club Innae que dirixía MONICA IRAGO

A concelleira de Deportes prefire non agrandar a polémica pola achega a Innae e lembra que desde que ten responsabilidades políticas no Concello non ten vinculación con ningún club

13 dic 2024 . Actualizado a las 12:55 h.

A concellería de Deportes de Cambados non corrixirá os criterios de reparto das axudas municipais aos clubs que tanto malestar xerou nas filas do PP e entre algunhas entidades deportivas, o que si cambiará é a contía destas axudas debido a un erro.

«Detectamos un erro na contía do reparto outorgada a un dos club beneficiarios, que nada ten que ver co club nomeado pola portavoz da oposición Sabela Fole Trigo, erro que asumimos e xa está emendado. Nos vindeiros días estará publicada a nova relación (corrixida) das axudas para que os clubs poidan xustificar os gastos e ingresarlles as contías adxudicadas», segundo informa a concelleira Noelia Gómez.

Non o cita, pero o club ao que se lle asignaron máis cartos dos que lle corresponderían é o de voleibol, cantidade que agora se redistribuirá entre o resto dos beneficiarios. En todo caso, a principal crítica do PP vén dada pola asignación ao club Innae, que dirixiu Noelia Gómez ata que tomou posesión como concelleira, que veu aumentada a subvención nun 350 %. A oposición fala de «cacicada» e pídelle ao alcalde que interveña para non ser «cómplice».

A concelleira prefire non agrandar a polémica respecto a este asunto e limítase a dicir que, desde que ten responsabilidades políticas no Concello non ten vinculación con ningún club.

A través dun comunicado, a concelleira de Somos Cambados tamén indica que os criterios de reparto das axudas deportivas estiveron expostas na páxina web municipal previamente a ser publicadas oficialmente, «para que calquera persoa ou club puidera facer as alegacións pertinentes se non estaban de acordo con algún dos criterios establecidos».

O club XAV explica a orixe do problema

Desde o club de voleibol de Cambados SAV queren aclarar que o erro no reparto das axudas municipais ao deporte non é atribuíble ao Concello senón ao propio club á hora de presentar a correspondente solicitude. «Foi unha metedura de pata miña», informa o secretario do XAV, Suso Bao, porque á hora de solicitar a subvención a entidade pediu 10.000 euros cando polo baremo aplicado nas bases da convocatoria acabaron concedéndolle 14.285 euros. «Esa cantidade está máis que xustificada, temos catorce equipos movémonos por toda Galicia..., o que pasa é que viñamos de estar moitos anos infravalorados», indica Bao. O ano anterior recibiran 6.000 euros.

A nova distribución das axudas ao deporte favoreceu a algúns clubs respecto a anos anteriores, caso do XAV e do club de taekuondo Innae, o cal xerou malestar nalgúns clubs e no PP de Cambados que pediu que se corrixira este reparto.

Finalmente corrixirase para sacarlle diñeiro ao XAV en favor de outras entidades o cal non supón, segundo explican desde a concellería de Deportes, que se vaian modificar os criterios que recollen as bases. Pese ao erro do propio XAV na tramitación das axudas, o club de voleibol considera que a asignación de 14.285 euros é xusta, e así fíxoo valer ante o Concello, pero xa está fóra de prazo para reconducir a situación.