Unidade de acción no Salnés ante a violencia de xénero

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Cambados acolleu un encontro con destacada presenza institucional

13 dic 2024 . Actualizado a las 21:22 h.

O fortalecemento da coordinación multidisciplinar e a implementación de novas medidas para a concienciación social. Este foi o resultado da segunda Mesa Comarcal de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero celebrada este venres en Cambados cunha destacada presenza institucional. Entre os asistentes estaban o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, os alcaldes de Cambados, Meis, Ribadumia e Meaño e representantes da xudicatura, Garda Civil e Policía Local, traballadoras dos centro de información á muller (CIM) e da comunidade educativa. Na reunión abordáronse os informes da Subdelegación do Goberno, xulgados de violencia, fiscalía, forzas de seguridade e presentáronse actividades realizadas polo CIM da Mancomunidade do Salnés.

As mesas locais de coordinación son espazos de traballo conxunto entre os diferentes axentes e profesionais do concello que teñen como obxectivo ofrecer unha mellor prestación de servizos dirixidos ás mulleres que sofren violencia de xénero.