Segue a polémica polas axudas ao Deporte en Cambados: o PP acusa a Noelia Gómez de mentir e a concelleira pide desculpas polo erro cometido
CAMBADOS

Unha resolución da alcaldía corrixe o reparto das achegas inicial, un reparto que a oposición cre que «fíxose a ver se coaba»
20 dic 2024 . Actualizado a las 09:46 h.O grupo municipal do PP de Cambados considera que Noelia Gómez está «deslexitimada» para seguir exercendo como concelleira de Deportes e esixe «a depuración de responsabilidades políticas pola súa actuación irregular». Refírese a oposición á polémica que provocou o distribución das axudas municipais aos clubs e entidades deportivas. O PP denunciou que o reparto era inxusto porque beneficiaba a uns en prexuízo de outros e, de feito, Noelia Gómez chegou a recoñecer un erro que vense de corrixir vía resolución da alcaldía.
O PP valora positivamente que se rectificase o que cualifican de «cacicada» e di que quedan en evidencia as «mentiras» da concelleira «que limitou falsamente o problema a un só club, o de voleibol, co obxectivo de desviar a atención sobre a achega ao Innae, ao que estivo vinculada como anterior presidenta».
«A nova resolución reduce a axuda ao club de voleibol de 14.285 a 10.000 euros, que foi a contía máxima que solicitou, e tamén ao citado Innae, de 4.460 a 2.000, pola mesma situación. Así mesmo, subiuse un chisco a subvención de Grande Jeté, de 4.500 a 5.000 euros, e axustáronse lixeiramente á alza as 14 restantes coa cantidade sobrante», informa o PP, que non se cre que o reparto inicial das axudas obedeza a un erro. «Fíxose a conciencia ‘a ver se coaba' e só se deu marcha atrás porque pillaron ao goberno na allada».
Noelia Gómez fala de «inquina» contra ela
Noelia Gómez respostou este venres ao comunicado do PP nos seguintes termos: «Ás entidades deportivas ás que lles detectamos un erro de asignación (detectado antes das notas de prensa da oposición), corresponderíanlles esas cantidades segundo as puntuacións das bases, pero o importe solicitado polas mesmas era inferior. Por iso, consideramos que o xusto era rectificar e facer un reparto equitativo entre o resto das entidades»
«É comprensible a inquina de Sabela Fole e o Partido Popular pola miña persoa e por Somos Cambados, xa que dende a irrupción de Somos Cambados na política local, despois de 28 anos gobernando o PP, pasaron á oposición e xa non poden facer ‘repartos' baixo o seu dispar criterio, tal como os realizaban eles antes. Como concelleira de Deportes asumo o erro cometido e pido desculpas. Dende o meu cargo sempre vou traballar por igual para todos os clubs cambadeses, como así veño facendo dende fai un ano e catro meses, tempo no que se fixeron o maior número de eventos deportivos de máximo nivel na historia deportiva de Cambados, en practicamente todas as modalidades e sen discriminación algunha», conclúe a concelleira.