O illense Pablo Otero e Mullunesh Porteiro reinan na San Silvestre Solidaria de Cambados

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

A proba pechou o calendario deportivo do 2024 na comarca, cargada de humor

02 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A novena edición da San Silvestre Solidaria de Cambados confirmou o gran tirón que ten a proba impulsada polo Club Atletismo Cambados co respaldo do Concello da vila do albariño. Unha cita que este ano bateu a súa anterior marca de deportistas inscritos, situándose en 740, polos 721 rexistrados no 2019, enchendo as rúas cambadesas na derradeira tarde do ano 2024 da luz e da cor dos moitos participantes que acudiron disfrazados para optar aos premios en vales de compra no comercio local, e do alto nivel competitivo daqueles que quixeron despedir o ano alimentando a súa fame competitiva.

Entre estes últimos sobresaíron o illense Pablo Otero Fariña e a deportista da Sociedad Gimnástica de Pontevedra Mullunesh Mar Porteiro de Loño. Ambos os dous foron os vencedores da proba raíña, sobre 4 quilómetros nun percorrido coa Praza de Fefiñáns coma punto de saída e de chegada e a entrada da ponte da Torre de San Sadurniño no outro extremo. Ningún dos dous gañadores atopou rival, desfrutando con todo o tempo do mundo do seu momento de gloria ao atravesar a liña de meta.

Pablo Otero, que hai escasas semanas pechaba a súa fichaxe polo equipo de elite portugués Vitoria de Guimaraes e que desde o pasado verano gañou practicamente canta carreira popular disputou na zona, impúxose cun tempo de 11.17, acompañado no podio masculino polo cambadés Amadeo Abal Chaves, segundo en 11,38, e por Pablo Ulla Couñago, terceiro en 11,57. Con 14,06, Mullunesh Mar Porteiro marcou o mellor crono feminino, por diante dos 14,36 de Ariana González e dos 15,09 da cambadesa Míriam Trigo.