O PP de Cambados acusa ao BNG de «covarde» e pídelle «dignidade» para abandonar o cuadripartito

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Sabela Fole, voceira do PP de Cambados
Sabela Fole, voceira do PP de Cambados Martina Miser

A comisión de seguemento do pacto de goberno segue sen data, pese á petición do Bloque

11 ene 2025 . Actualizado a las 16:04 h.

O goberno local de Cambados segue sen resolver as súas diferenzas e o grupo municipal do PP quere sacar rédito político da situación. Fala de «crise de goberno» e pídelle ao cuadripartito (PSOE-Somos-BNG-Pode) que poña fin a unha situación «de grave parálise, enfrontamentos e leas internas no Concello».

O PP refírese ao último episodio que enfrontou ao BNG co resto da coalición a conta da aprobación en pleno dunha moción relativa ao asilo de Cambados. «Estamos ante un executivo dividido e feble no que cada un fai a guerra pola súa conta e, ademais, é totalmente ineficiente e inoperativo, que non atende os problemas dos veciños, e isto non só o dicimos nós senón que o está a espallar publicamente durante todas estas semanas o voceiro do BNG, Liso González, que é un dos socios e que está a falar directamente e sen tapuxos de deriva, inacción e investimentos ridículos», indica a voceira popular, Sabela Fole.

Cualifica a postura do BNG de «covarde, xa que se ve tantos problemas e diferenzas entre eles debería ter dignidade é abandonar o goberno local, porque ademais está a ser ninguneado» e carga tamén contra o alcalde Samuel Lago (PSOE) pola súa «incapacidade absoluta» para convocar a comisión de seguimento do pacto de goberno, tal e como reclamou o BNG. En decembro non se celebrou e, de momento, non se coñece data para poder facela en xaneiro. José Ramón Abal xa deixou claro que non está pola labor de participar nesta reunión —«este é un tema dos partidos da esquerda», dicía hai dúas semanas— e o PP non deixa pasar a ocasión de falar desta confrontación: «Abal vai totalmente por libre nun claro exemplo do errático rumbo do Concello».