Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O cuadripartito de Cambados resiste: «O BNG segue a traballar pola continuidade do goberno»

Bea Costa
b. costa CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

Segue apostando pola coalición a pesares de acusar a Abal de facer «prácticas doutros tempos» e non asumir os seus límites competenciais

13 mar 2025 . Actualizado a las 15:54 h.

O Consello Local do BNG de Cambados falou por fin da situación na que queda cuadripartito logo de que o grupo municipal do Bloque non acudira ao pleno do 27 de febreiro no que se votaba unha importante operación de crédito por 912.000 euros que saíu adiante grazas a abstención do PP.

Aquela ausencia interpretouse como unha nova crise na coalición que, á vista do comunicado de hoxe do Bloque, non vai ter maiores consecuencias. Baixo o título «O BNG segue a traballar pola continuidade do goberno de Cambados», os nacionalistas explican os seus argumentos: «O actual goberno cuadripartito é neste momento a mellor opción para Cambados. Toda a actividade do BNG está orientada a que sexa un goberno cohesionado, organizado e que funcione como é debido. As nosas propostas son e serán nesa liña».

O Bloque maniféstase neste sentido logo de terse reunido a comisión de seguemento do pacto pola que levaban esperando catro meses, aínda que José Ramón Abal (Cambados Pode) xa se desmarcou desta reunión informando a este diario de que a súa participación limitouse a que os seus socios de goberno (PSOE, BNG e Somos) lle comunicasen as conclusións ao rematar a mesma.

Abal segue indo por libre e o BNG non trata de disfrazar esta realidade: «Lamentamos as declaracións discordantes de José Ramón Abal, que non acaba de asumir os seus límites competenciais, organizativos, e financeiros. Evidentemente, as súas prácticas son propias doutros tempos e se as áreas que xestiona fosen asumidas polo BNG actuariamos coa planificación, limpeza e igualdade de trato que nos caracteriza en calquera goberno no que participamos», indica o consello local.

«Estamos máis ca satisfeitos coa actividade que estamos a desenvolver nas nosas áreas, satisfacción que tamén nos traslada a veciñanza. Nalgunhas, nomeadamente en Patrimonio, atopámonos ao chegar cunha situación de parálise e abandono que conseguimos revertir en menos da metade do mandato».

O BNG tamén fala dun PP que logo do plantón ao pleno do pasado día 27 tardou poucas horas en falar dunha situación política «insostible» e pedir a dimisión do alcalde. «Como é habitual, o Partido Popular apenas é quen de disimular a carraxe que lle xera non controlar Cambados, e así seguirá mentres dependa do BNG. Ao marxe diso, cabe preguntarse cal é o seu proxecto para Cambados. O seu apoio a proxectos lesivos para o noso tecido económico como a Mina de Touro ou Altri? A súa incapacidade para xestionar unha residencia pública xa non no concello, senón na comarca? A súa falta de concreción sobre o que faría en caso de estar gobernando e as críticas carentes de alternativas evidencian que seguen a ser o mesmo Partido Popular sen ideas, sen proxecto, apoiado en base a propaganda, que levou ao Concello de Cambados ao estancamento do que outros intentamos recuperalo».