O PP denuncia que o Concello de Cambados está sen ningunha traballadora social
CAMBADOS

Sabela Fole esixe ao cuadripartito que cubra de xeito inmediato as baixas no servizo
06 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O grupo municipal do Partido Popular de Cambados denunciou onte o que considera o desmantelamento absoluto do departamento municipal de Servizos Sociais. «Neste momento non dispón de ningunha das tres traballadoras sociais adscritas, e os usuarios non poden ser atendidos axeitadamente», advirte a súa voceira, Sabela Fole, quen urxe ao goberno cuadripartito a ofrecer unha cobertura inmediata das baixas na área.
Os conservadores lembran que hai semanas levaron a pleno o mal funcionamento do servizo, xa que só a coordinadora traballaba a xornada completa, mentres que a encargada da denominada Zona A tiña unha redución de xornada e a da Zona B ficaba sen cubrir dende o outono. Daquela, «o alcalde, Samuel Lago, admitiu estas eivas e anunciou a inmediata cobertura cando menos desta derradeira praza, pero a realidade é que nin saíu a diante nin houbo unha substitución».
Agora, o PP subliña que a traballadora social encargada da coordinación vén de coller as vacacións que lle corresponden por lei, mentres a da Zona A colleu unha baixa xustificada pola súa situación persoal. «É moi triste que esteamos sen Servizos Sociais e que o cuadripartito pase totalmente de atender á xente máis vulnerable», apunta Fole.