A unidade de desenvolvemento infantil e apoio familiar Salnés Sur atendeu o ano pasado a 144 familias da comarca
CAMBADOS

Ofrece atención a nenos residentes nos concellos de Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia e Sanxenxo
15 abr 2025 . Actualizado a las 16:33 h.La Unidade de desenvolvemento infantil e apoio familiar do Salnés Sur (UDIAF-Salnés Sur) nos centros de Vilalonga e Cambados atendeu ao longo do 2024 a 144 familias. A unidade conta en Cambados cun punto de apoio para a súa actividade asistencial no local cedido polo Concello nos Pazos —chamada a casa azul— no que foron atendidas 36 familias, mantendo unhas 20 familias semanalmente en intervención regular.
A UDIAF Salnés Sur forma parte xunto coas unidades do Deza, Bergantiños e Salnés Norte dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade. Ofrece atención ás familias residentes nos concellos de Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia e Sanxenxo.
Creouse en marzo de 2023 para atender a nenos de cero a seis anos se na actualidade está conformada por un equipo interdisciplinario con participación de 2 psicomotricista, 1 psicóloga, 1 logopeda e 1 auxiliar administrativo.
Dos atendidos no 2024, o grupo máis numeroso corresponde aos que padecen retrasos evolutivos e problemas sindrómicos, dificultades da linguaxe e fala e problemas de conduta e atención. Atendéronse igualmente problemas de hábitos, do ámbito emocional, motrices, sensoriais e cognitivos. En total, na atención das 144 familias realizáronse 4.087 prestacións de apoio personalizado, destas, 158 foron consultas de acollida, 157 sesións de valoración, 3.114 sesións de apoio directo e 490 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. A idade media no acceso foi de 3,1 anos.
No que se refire ao orixe da demanda dos concellos, a maior parte das familias atendidas no 2024, o 33,8 % eran residentes en Sanxenxo, o 19,3 % en Cambados, 16,9 % en O Grove, 10,8 % en Meis e en Meaño e 8,4 % en Ribadumia.
«Nas enquisas anónimas cubertas polas familias o nivel de satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, cunha satisfacción global de 4,89 sobre un máximo de 5. Ditos resultados poñen de manifesto a importancia asistencial do servicio e a confianza que depositan as familias na intervención que se realiza», segundo informan desde o servizo.