A andaina solidaria de Castrelo recadará fondos para a asociación Amicos

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Andaina solidaria da asociación As Saíñas nunha edición anterior
Andaina solidaria da asociación As Saíñas nunha edición anterior MONICA IRAGO

Será o 1 de maio e contará coa presenza de Rogelio Santos, Jordi Carrasco e Miguel Perlas

24 abr 2025 . Actualizado a las 15:13 h.

Co bo tempo empeza a época das andainas. As primeiras organizáronse xa en marzo con motivo dos actos do Día da Muller e a volven á axenda a conta do 1 de maio. Unha das máis populares é a Andaina Solidaria e Saudable que organiza a Asociación de mulleres rurais As Saíñas de Castrelo (Cambados), que cumpre este ano a súa novena edición. É unha das iniciativas das que se senten máis orgullosas, e non é para menos. Con ela poden colaborar a asociacións sen ánimo de lucro que traballan con persoas ás que as enfermidade e a discapacidade failles a vida máis difícil.

O ano pasado recadaron 1.600 euros para a Fundación Andrea; nas edicións de 2025 e 2026 a beneficiaria será a asociación Amicos, que traballa con persoas con discapacidade intelectual, autismo, danos cerebrais e coas súas familias. A directiva de As Saíñas puido comprobar en directo a labor que realizan nunha visita que veñen de realizar á súa sede de Boiro. «O traballo que fan é impresionante», explica a presidenta de As Saíñas, Leonor Muñiz.

Nas edicións más multitudinarias chegaron a recadar ata 3.000 euros. O clima é un factor que condiciona moito así que en Castrelo están moi pendentes das previsións meteorolóxicas. Con todo, xa demostraron un gran poder de convocatoria porque o ano pasado choveu e reuniron a 480 persoas.

Xa non é necesaria inscrición previa. Quen queira unirse ao pelotón non ten máis que presentarse o xoves día 1 ás cinco da tarde no campo de fútbol Beiramar, en Castrelo, e iniciar un itinerario de nove quilómetros que percorrerá os sendeiros do complexo intermareal do Umia ao seu paso pola parroquia. Colocaranse petos para que a xente poida facer donativos e haberá postos de venda de merchandising das mulleres rurais e de Amicos cos que tamén se recadarán fondos.

Grazas á colaboración de dúas empresas, os participantes recibirán auga e froita gratis e non faltarán as rostros populares para tirar do carro da solidariedade como é caso de mariñeiro influencer Rogeliio Santos, do campión do mundo do maratón M50, Jordi Carrasco, e o presentador Miguel Perlas. Haberá inchables e sorteos e a escola de baile da ANPA P Castro de Castrelo botará uns bailes.