Mónica Touriño: «O cuarto posto no Mundial sábeme como se gañara o título»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

CEDIDA

A canicróser de Catoira valora a súa primeira actuación na única gran cita internacional que lle quedaba pendente de estrea

29 nov 2017 . Actualizado a las 17:46 h.

A paixonada dun deporte que practica como «un vicio», no que «todo son gastos, ingreso non recibo ningún», di, Mónica Touriño soaba a media tarde de onte felizmente cansa ao outro lado do teléfono a medio camiño de volta de Polonia. Á altura de Burdeos valoraba o cuarto posto colleitado no que foi a súa primeira participación nun Mundial. 

-Moitos afeccionados alleos á competición asocian un cuarto posto cun duro golpe anímico para o deportista. Non sabemos se esa é a sensación coa que pechou vostede un Mundial ao que acudía co reto de rematar no Top10...

-Realmente ese cuarto posto sábeme como se gañara. Rematei por enriba dalgunhas rivais que en teoría debían estar por enriba de min. Ver que pos nerviosa a xente que vive disto, que recibe diñeiro por facer isto, sobre todo no norte de Europa, súbete o ego, as ganas de seguir; sintes que estás a facer ben as cousas.

-Con 19 títulos galegos e estatais, ¿que valor lle dá ao cuarto posto na súa estrea nun Mundial?

-Buff! Non sei dicirche. O máximo valor. Para min é o máximo que conseguín ata hoxe. Tanto Óscar coma min vimos súper contentos do traballo que fixemos. Competín contra 50 deportistas que se supón que son as mellores dos seus países. E xente que sae a morrer. Eu tamén saín a morrer, tamén cho digo. Na miña vida saín así. Teño maniotas en sitios onde non sabía que podía habelas.

-Con 42 anos, ¿vese en disposición de asaltar o podio do Mundial no futuro? ¿O do Europeo quizais?

-Non o sei. Eu cada ano dígome ‘xa son maior’. Logo comezo os adestramentos, e remato pedindo competir na categoría sénior. O que vou facer no 2018/19 non o digo ata que chegue setembro.

-Mundial á marxe, gañou todas as carreiras desta tempada. Incluído o primeiro título en xogo, o Campionato Galego. ¿Tocarálle por fin este ano xuntar o póker de ases: Liga e Campionato Galegos, e Copa e Campionato de España?

-Sempre por unha cousa ou por outra escapóuseme algún. Non sei. O Campionato de España é esta fin de semana, con dúas mangas, e estamos cansísimos. O venres sairemos para Valladolid. Nas mellores condicións non imos chegar. Tentarei dar todo o que poida. A ver que pasa. Tentaráse.