Mónica Touriño busca en Suecia abrir o seu palmarés a nivel internacional

CATOIRA

OSCAR VÍFER

A catoirense e o seu compañeiro de club Óscar Piñeiro compiten no Europeo

24 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira hora da mañá de onte pisaba chan sueco, para completar cun desprazamento por estrada as tres últimas horas da súa longa viaxe de algo máis de 3.000 quilómetros por terra e por mar -vía ferry- desde Catoira ata Nybro. Nesta localidade de Escandinavia Mónica Touriño pelexará mañá e o venres polo que sería o seu primeiro podio internacional tras cinco intentos tan esperanzadores coma carentes de premio final en forma de medalla. Será no Campionato de Europa IFSS, a Federación Internacional de Mushing.

Touriño desprazouse con Nepal, a súa parella canina de competición, e co seu compañeiro de club Óscar Piñeiro, co vigués volvendo facer tándem unha tempada máis con Siddharta.

Os dous dúos son os grandes dominadores do momento no canicrós español. No caso da deportista vikinga, asinando a mellor das súas nove campañas como canicrosser, reunindo o pasado curso os títulos da Copa e do Campionato de España, e os da Liga e o Campionato Galego de Canicrós sobre Terra, e o dun Campionato de España de Canicrós sobre Neve co que poñía a guinda ao pastel a primeira semana de marzo.

O Europeo de Mushing sobre Terra é a primeira cita da tempada 2018/19 para Mónica Touriño e para Óscar Piñeiro, que tras tomarse un mes de descanso, iniciaron a súa longa pretempada no mes de maio. Un traballo de preparación que incluíu trails -carreiras polo monte- sen cans, cos que comezaron o seu labor de reacoplamento a mediados de agosto. Traballo individual de carreira e de ximnasio completaron o cadro da posta a punto de Touriño e de Piñeiro de cara á súa cita en Nybro.

Gañar o Europeo pasa por ser o máis veloz nun circuito de 4,5 quilómetros practicamente chan no medio dun bosque, sobre o papel moi rápido. Iso, á espera de coñecer se a choiva que onte caía no lugar persiste, e poida incidir na formación de lama. De producirse este último escenario a habilidade técnica dos competidores gañará enteiros á hora de decantar os podios. Un proceso que sairá da suma dos tempos nas dúas voltas ao circuito fixadas no programa de competición, unha mañá e a outra o venres.

O obxectivo de Touriño é mínimo non baixar do Top Ten, coa actual campioa do Mundo, a checa Martina Stepankova, coa bronce mundial, a xermana Julia Anna Prins, e coa checa Mikaela Srchopova como rivais de referencia.

Ás portas do podio os dous últimos anos

En cinco ocasións saíu Mónica Touriño de España para competir ao máximo nivel no canicrós. E as cinco veces finalizou no Top Ten da categoría sénior feminina, na que volverá competir pese a poder facelo por idade na de veteráns. Nas súas catro participacións anteriores no Campionato de Europa a de Catoira asinou un sexto, un oitavo, un quinto e un cuarto postos cos seus sucesivos compañeiros cuadrúpedos. Cuarto posto na vila inglesa de Therford que ao ano seguinte, no 2017, calcou no ata hoxe único Campionato do Mundo disputado pola deportista vikinga, na localidade polaca de Szamotuly-Kozle.

Touriño busca en Nybro, Suecia, levar máis aló a súa condición de mellor canicrosser española de todos os tempos. Unha etiqueta sen discusión, con 27 medallas entre as grandes citas autonómicas e estatais, 23 delas sustanciadas en cadanseu primeiro posto. Palmarés que encabezan os seus nove títulos entre os Campionatos de España sobre Terra (2017 e 2018) e sobre Neve (2018), e sobre todo os da Copa España, a gran competición da regularidade, que a catoirense gañaba por primeira vez no 2012, e que non coñece outra vencedora ca Touriño desde o ano 2014, copando as súas cinco últimas edicións.