Mónica Touriño chega á derradeira xornada do Europeo en posto de bronce, veterán
CATOIRA
Pechou a primeira xornada no circuito belga a 17 segundos da segunda clasificada
20 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Mónica Touriño abre hoxe a segunda e última xornada do Campionato de Europa ICF de canicrós en Chevetogne, Bélxica, en posto de medalla. Onte a catoirense do Kennel Den completou xunto co seu compañeiro cánido Nepal a primeira manga oficial aos algo máis de 5 quilómetros do circuito nun tempo de 19 minutos e 19 segundos. A 1 minuto e 15 segundos da que se aventura nova campioa continental, a checa e gran figura mundial Martina Stepánková (18.04), e a tan só 17 segundos da belga Mona Rahme (19.02), prata provisional. Por detrás, a española Olga Álvarez, que con 19.47 inicia o día de hoxe a 28 segundos da catoirense na loita polo podio da categoría de canicrós feminino veterán. E é que, explicaba onte desde Bélxica Touriño, a ICF, unha das dúas grandes federacións deportivas mundiais de canicrós, obriga as deportistas que chegan á idade de inicio da categoría veterán, como a propia Stepánková, Álvarez ou ela mesma, a non competir en sénior, como fan habitualmente, e como volverá facer Mónica no Mundial que a vindeira semana organizará en Suecia a federación IFFS.
Touriño salienta o ben que se portou Nepal, recén recuperado de varias falanxes rotas, e como lle aguantou o seu maltreito pé esquerdo. O seu compañeiro de club, o vigués Óscar Piñeiro e Siddharta, van quintos en sénior masculino.