Endovélicos

Carlos H. Ferández Coto SECCIÓN ÁUREA

CATOIRA

Uno de los casi 200 libros de la exposición «Malheridos» de la Universidad de Oviedo
Uno de los casi 200 libros de la exposición «Malheridos» de la Universidad de Oviedo Universidad de Oviedo

A pasada semana coñecín este estrambótico nome que representa a un deus da Idade de Ferro

29 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada semana coñecín este estrambótico nome que representa a un deus da Idade de Ferro, Endovélico, protector da terra e da natureza. Agora formo parte do grupo que leva o seu nome, un club que naceu da man do escritor Carlos García Bayón, e que homenaxeou en Caldas de Reis ao xuíz e escritor Máximo Sar, falecido hai un ano.

Un club no que está o director da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, escritores e investigadores como Xesús Santos e Xosé Comoxo, o director do Ateneo Viquingo, Miguel Lorenzo, o enxeñeiro Santos Oujo Bello ou os irmáns Fernández de la Cigoña, e que tivo nas súas filas ao gran historiador do románico, Hipólito de Sá Bravo, o gran experto localista Xosé Fariña Jamardo, o cronista e escritor Raimundo García Domínguez, Borobó, Manuel Pesqueira Salgado ou Xosé Piñeiro Ares. Un grupo que pode presumir de ser o berce da Romaría Viquinga de Catoira.

Fun convidado polo gran investigador e escritor Estanislao Fernández de la Cigoña aos actos de homenaxe e de nomear unha praza caldense a Máximo Sar, sen saber que horas despois ía ser proposta a miña incorporación —a única nos últimos dez anos— pola súa parte, tendo unhas emocionantes verbas para min, para o traballo que desenvolvo en prol da cultura galega. Esaxeradas, pero que agradezo.

Aínda non sei moi ben o meu cometido entre bos e xenerosos pola cultura do país. Sei que tamén hai médicos no grupo, e ser o único arquitecto aporta tamén un extra no capítulo das humanidades. Pero non é pola miña faceta profesional, senón pola miña cultural, pola que fun recoñecido polo meu padriño.