Todas aquelas vellas fotos que permiten contar as pequenas historias de Catoira

Rosa Estévez
rosa estévez CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

VITOR MEJUTO

Crean un grupo de Facebook para recuperar a «memoria fotográfica» da vila

08 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Vai para trece anos que Teófilo Edicións editaba Aquela Xente de Catoira, unha mestura de álbume de fotos colectiva e de libro de recortes. Unha sorte de collage que Pepe Castaño Dios regalaba á súa veciñanza recollendo fotos, cartas, carnés, anuncios e unha longa lista de documentos e textos que permitían navegar polo tempo dende a Catoira de 1880 á do 1980. Continuábase, dese xeito, co traballo emprendido tempo antes e que xa se publicara, negro sobre branco, en Oeste, cen anos de historia-s. Como relata o propio Castaño no coidado volume editado por Teófilo Edicións, as aventuras recollidas naquel volume «non son quizais a historia e as historias máis importantes do mundo, porque se así fose, xa non serían as historias do meu pobo». Un exercicio que permitiu a moita xente recordar a veciñanza desaparecida había xa tempo, e a moita outra descubrir vellas e apaixonantes historias, coma a do suposto romance protagonizado por Boullosa —un catoirense emigrado en París, un fabulador infatigable— e Brigitte Bardot.

O libro deu para moito falar, para moito recordar, para moito aprender. E algo así, conta Fernando Rial, comezou a pasar neste 2023 cada vez que alguén publicaba nas redes sociais fotos que, sen ser aínda «antigas», nos transportan a épocas pasadas. «No meu caso, cada vez que publicaba algunha desas fotos vía que tiña moitos comentarios. Que quen é este, que se é mengano, que se non...». Esas conversas, que teñen servido para desenterrar tantos recordos, non lle pasaron desapercibidas, tampouco, a Cristina Conde, unha amante da historia local. Ámbolos dous acordaron, logo, poñer en marcha un grupo de Facebook, Catoira na memoria fotográfica, no que calquera persoa da vila —e mesmo da contorna— poida compartir fotos recuperadas dos albumes que aínda habitan nas casas. Todas as imaxes son ben recibidas, se ben é certo que o traballo de recollida ata os anos oitenta do século pasado está feito, e ben feito.

Ese tipo de grupos adoitan ter éxito nas redes sociais. Quizabes, porque todo o mundo precisa rastrexar o seu presente no seu pasado. Ou, simplemente, recordar. «Hai xente maior pendente do que se publica, supoño que porque lle trae recordos». Cada imaxe compartida é a orixe dun exercicio mental, o comezo dunha conversa. E só por iso, di Rial, paga a pena terse embarcado neste proxecto. «O noso traballo de recollida é moito máis sinxelo que o que fixo no seu día Pepe [Castaño]. El tiña que levar as fotos, escanealas, e devolvelas, e non todo o mundo quería. Coas tecnoloxías que temos hoxe en día é todo moito máis rápido e sinxelo».

O volume de fotos non para de medrar, e para tentar manter un pouco de orde, estanse a organizar albumes: non falta o da Romaría Vikinga, o do entroido, o das festas, os grupos escolares, as paisaxes e reliquias... A través de todos eles pódese facer unha viaxe no tempo que nos permite ver canto temos cambiado, que pouco temos cambiado. «Nas fotos da Romaría, por exemplo vese clarísimo como foi evolucionando o tema dos vikingos», explica Fernando Rial, que viviu en primeira persoa todas aquelas transformacións. Documentalas e abrir un espazo común de memoria son os dous obxectivos de Catoira na memoria fotográfica, un proxecto con tanto pasado como futuro.