Logística Garmou informa ao Concello do seu inminente traslado a Catoira
CATOIRA
O propietario da firma detállales o seu proxecto ao alcalde e á xerente de SEA, incluíndo un lavadoiro ecolóxico para a súa frota de máis dun cento de camións e de remolques. Kiko García anuncia que pedirá en breve a licenza de construción na súa parcela de 5.500 metros cadrados
20 feb 2024 . Actualizado a las 21:00 h.Nos últimos días del 2023, Logística Garmou selaba con SEA un contrato de alugueiro con opción de compra de 5.500 metros cadrados no polígono da sociedade mercantil estatal en Catoira. Neles, Logística Garmou, ata hoxe con sede en Ribeira, concentrará toda a actividade dunha compañía cunha frota de 40 camións e máis de 60 remolques, medio cento de empregados e unha facturación superior aos 4 millóns de euros no 2023. Este martes, o seu propietario, Kiko García, reuniuse en Catoira co alcalde, Xan Castaño (BNG), e coa xerente de SEA, Beatriz Sestayo, para explicarlles o seu proxecto e anunciar que en breve pedirá a licenza para construír unha nave de almacenamento de 2.000 m2, as oficinas da sede social, unha nave auxiliar e un lavadoiro para os seus vehículos que recuperará o 80 % da auga empregada. A idea, que todo estea operativo este mesmo ano.
O alcalde de Catoira manifestou a súa satisfacción pola aposta de Logística Garmou por Catoira, a localidade máis próxima á súa Ribeira de orixe con solo industrial dispoñible para os seu proxecto de crecemento. Xan Castaño sinalou que un dos principais obxectivos do seu goberno local é traballar na atracción de empresas e de industria ao municipio, subliñando os beneficios económicos que, no caso de Logística Garmou, terá a súa chegada, polo pagamento do imposto municipal da viñeta (IVTM) e do Imposto de Actividades Económicas, neste último caso, por tratarse dunha sociedade cunha facturación superior ao millón de euros.