O Concello agradece ao club As Torres-Romaría Vikinga que una «o nome de Catoira á excelencia e ao deporte»

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

CEDIDA

Un grupo de deportistas foi recibido este martes polo alcalde e o concelleiro de Deportes

11 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Catoira ofreceu este martes unha recepción oficial ás e aos deportistas do club de piragüismo As Torres-Romaría Vikinga que durante este ano colleitaron grandes resultados nos campionatos de Europa e do Mundo tanto de pista como de maratón. Dende o equipo de goberno, o alcalde Xoán Castaño (BNG) e o tenente de alcalde e responsable de Deportes Raúl Gómez subliñaron a «tremenda satisfacción» polo rendemento acadado.

Durante o acto oficial, o rexedor animou á equipa a seguir traballando arreo e cualificou ao grupo de «excelentes embaixadores de Catoira», xa que coa consecución dos seus logros fálase máis da vila vikinga tanto dentro como fóra de Galicia. «É moi salientable que un club tan pequeno teña tan gran rendemento a nivel internacional traballando sempre duro e atendendo tamén á base. Contan con todo o noso apoio», subliñou Castaño, «porque unen o nome de Catoira ao deporte e á excelencia».

Segundo lembra o Concello, o grupo que participou na recepción estivo formado por padexeiros e padexeiras que traballarán este ano no Centro de Tecnificación Deportiva de Galicia —os internacionais Raúl Fernández Busto e Jairo Zurita Mollinedo, así como Marta Castiñeiras Castro, Tomás Pérez Santiago e Gabriel Cascallar Busto—, o integrante do Equipo nacional Pedro Torrado Mollinedo, e os padexeiros internacionais de Maratón Fernando Busto, Diego Miguéns, Iván Alonso, Kevin Longo, Iker Rey e Samuel Ares.

Todos e todas elas conseguiron situarse nos dez primeiros postos dos últimos campionatos de C2, C1 e K1 de Europa e do Mundo de pista e maratón nos que participaron nas súas diferentes categorías. Iván Alonso, Samuel Ares e Iker Rey tomarán parte este mes no Campionato do Mundo de maratón que terá lugar en Croacia.