Catoira reformula o proxecto turístico das Torres do Oeste para optar a unha axuda de 300.000 euros

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Martina Miser

A proposta deseñada no anterior mandato «fracasou ao quedar deserta a licitación», segundo informa o alcalde Xoán Castaño

09 nov 2024 . Actualizado a las 13:27 h.

O Concello de Catoira modificará o proxecto de rehabilitación do espazo das Torres do Oeste co fin de acadar unha proposta «viable e realista» para garantir que o municipio reciba a subvención de máis 300.000 euros acordada con Turismo de Galicia para potenciar a zona, «xa que a ideada polo anterior goberno do PSOE e do PP fracasou ao quedar deserta a licitación», segundo informa o alcalde Xoán Castaño.

No 2021, o Concello asinou un convenio cosa Xunta polo que as arcas municipais ían recibir unha axuda para dentro do programa de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico de uso turístico dos Camiños de Santiago no conxunto monumental Torres de Oeste. «Contratouse a redacción dun proxecto que se vendeu como a panacea, pero que finalmente acabou sendo fallido porque nin as actuacións a desenvolver nin o orzamento resultaron atractivas para as posibles empresas aspirantes», sinalan desde o goberno local. Ante esta situación, o Concello quere poñer en marcha un novo intento para sacar adiante a mellora do espazo co fin de garantir que Catoira non perda os cartos da subvención autonómica. «Hai que repensar o deseño das actuacións para poñer en valor un BIC como son as Torres de Oeste de Catoira, modernizar a contorna seguindo parámetros de sustentabilidade, así como dotar de infraestruturas e servizos básicos o espazo para poder mellorar a oferta turística».

Subliña Castaño que o proxecto agora descartado pretendía abarcar demasiados aspectos sen realmente abordar o espazo de maneira global, «con cuestións tan dispares como a rehabilitación da capela de Santiago, a instalación dunha caseta de información turística, a reforma da pérgola metálica, a instalación de sistemas de climatización, a mellora e ampliación do pantalán de acceso dende a auga ou a iluminación do BIC mediante columnas de aceiro».