Castaño pide á veciñanza que aclare os lindes das fincas na zona sur da parcelaria

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MARTINA MISER

O levantamento sobre o terreo vaise iniciar o día 27

20 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Catoira vén de facer unha chamada a veciñas e veciños para participar sobre o terreo no levantamento de fincas da zona sur da parcelaria. Os traballos comezarán o vindeiro venres, 27 de decembro, e o alcalde Xoán Castaño anima a tomar parte e aclarar lindes e superficies directamente co persoal técnico para evitar erros e recursos que poidan retardar aínda máis o proceso. Esta petición xurdiu tras a reunión que mantivo este xoves, xunto a representantes da xunta local da zona sur e o concelleiro do Rural Roberto Ferreira, coa xefa territorial de Infraestruturas Agrarias, María José Pérez Gil. No encontro informouse de que nestes momentos están levantadas 642 hectáreas das 1.197 totais, e que está contratada unha empresa para facer o traballo noutras 390. Quedarían aínda sen levantar —incluso sen licitar o labor— outras 158 hectáreas no polígono e o río Batán.

O inicio do levantamento será inminente, o vindeiro venres 27, e a intención é que a participación veciñal sexa máxima sobre o mesmo terreo co fin de aclarar dúbidas, de forma que as persoas propietarias indiquen de maneira verbal ou con documentación todos os datos sobre a zona a medir, principalmente as superficies e os lindes. Tomaranse como referencias, ademais das escrituras, elementos naturais e camiños, toda vez que é sabido que en moitas ocasións os datos oficiais non encaixan coa realidade dos terreos.

«É moi importante que a xente participe sobre o mesmo terreo para dar a súa información e non sobre os planos, que sempre xeran confusión. Ao acudir a dar a información persoalmente as veciñas e veciños seguramente van aforrar ter que corrixir erros e ter que presentar recursos que demorarían aínda máis o proceso da parcelaria», apunta o rexedor catoirense.