O Asmubal é líder en solitario tras resolver o seu trámite co feble Romade (39-27)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

MONICA IRAGO

A adestrador do cadro meañés reservou a varias das súa xogadoras principais de cara ao treito máis complicado da primeira volta

12 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non houbo o menor lugar á sorpresa e o pasado sábado o Inelsa Solar Asmubal Meaño demostrou a súa total superioridade sobre o feble C.B. Romade canario. E se o marcador final, 39-27, non acabou sendo de escándalo foi pola decisión do adestrador do conxunto galego, Juan Costas, de reservar os seus recursos máis valiosos para o treito máis duro da primeira volta, os cinco partidos que lle restan antes do parón do Nadal.

Cárol Ferreira á marxe, coa pivote recuperándose inda dunha rotura de fibras, o técnico do Asmubal deixou no banco sen se cambiar a porteira Guadalupe Larralde e a primeira liña Sofía Arangio. Ademais, limitou a participación doutras xogadoras clave no espectacular campionato que está a realizar o cadro do Salnés, caso de Danilza Liranzo, ofrecéndolles ás súas balonmanistas con menos minutos a oportunidade de reivindicarse ante un C.B. Romade que compartirá, unha semana máis, a condición de equipo sen puntos co C.D.B. Fuentes Carrionas no Grupo A da División de Honor Plata Femenina.

Ao descanso, o Asmubal xa gañaba por un incontestable 19-10 a un rival que á súa falta de potencial sumou unha preocupante escaseza de efectivos, con só dez balonmanistas desprazadas ata Meaño. A canterana Andrea Cores, con 9 tantos, erixiuse na máxima goleadora do partido por diante doutra xogadora feita na casa, Laura Miniño, autora de 8 dianas.

A derrota do Gijón, 20-17 na pista do Sanse, deixa o Asmubal líder en solitario antes de visitar a sempre difícil cancha da Cañiza e recibir acto seguido ao Gijón. A SAR e o Leganés, a domicilio, e o Sanse, en Coirón, serán os seus outros rivais antes do Nadal.

FICHA DO PARTIDO:

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (39): Nadia Vázquez, Raquel Sineiro (3), Danilza Liranzo, María Currás (2), Uxía Varela, Andrea Cores (9), Agustina Ballada (5), Eli Méndez (4), Laura Miniño (8), Paula Rey (5), Luna Otero (2), Vanesa Domínguez e Shaila Fernández (1). 

C.B. ROMADE (27): María del Carmen Paredes (2), Nerea Alfonso (1), Débora Astigarraga (2), Cristina Sánchez, Lidia Robaina (2), Verónica Montesdeoca (6), Valeria Díaz, Aridiam Sarmiento (4), Sara Santana (6) e Alba González (4). 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-0, 5-1. 7-4, 11-6, 15-9, 19-10 (descanso); 23-12, 25-14, 28-17, 32-19, 34-22 e 39-27.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Marta González e Silvia Vázquez. Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Raquel Sineiro (minutos 43.22 e 52.55) e Agustina Ballada (min 52.08) e as visitantes Nerea Alfonso (min 19.01) e Alba González (min 24.08).

INCIDENCIAS: Partido da xornada 8 da División de Honor Plata Femenina.