Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O Concello de Meaño consuma o precintado da planta de aglomerado asfáltico da Pedreira

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

MARTINA MISER

A medida executa unha resolución da Alcaldía aprobada hai case dous anos

25 mar 2025 . Actualizado a las 22:25 h.

O Concello de Meaño procedeu na mañá deste martes ao precintado da maquinaria da planta de aglomerado asfáltico que a empresa Construcciones y Viales del Salnés SA (Covisa) ten no polígono da Pedreira. Unha medida coa que deu cumprimento á resolución da Alcaldía do 27 de abril do ano 2023, que incoaba un expediente de reposición da legalidade, e que completa un longo proceso destinado a tal fin, en tanto a compañía decidiu iniciar e manter a súa actividade industrial carecendo de título habilitante que acredite o cumprimento da normativa urbanística, medio ambiental e restante normativa aplicable.

O proceso arrincou hai case dous anos, cando a denuncia dun particular motivou a primeira resolución da Alcaldía sobre o caso, ordenando o precintado da planta de aglomerado. Nun primeiro momento, a empresa non se deu por enterada, o que acabou desembocando nunha acta-denuncia do Seprona de Vilagarcía en outubro do 2023 pola continuidade da produción da fábrica da Pedreira, comunicada pola Comandancia da Garda Civil de Pontevedra ao Concello. Dita denuncia deu paso á presentación dun escrito de alegacións de Construcciones y Viales del Salnés SA ante a Administración local, contestado un mes despois cunha resolución da Alcaldía meañesa o 15 de novembro do 2023 desestimando integramente os argumentos da sociedade para reclamar poder seguir operando.

O 1 de decembro dese mesmo ano houbo un primeiro intento de precintado, pero sen efecto ao non ser posible o acceso ás instalacións. O Concello reclamou entón no Xulgado Contencioso Administrativo de Pontevedra autorización para a entrada nas instalacións de Covisa a fin de precintar a súa maquinaria. Case catorce meses máis tarde, a sala xudicial deulle o pasado 27 de xaneiro luz verde ao Concello para facelo. A secretaria-interventora, o arquitecto municipal, a técnico de medio de xestión e un axente da Policía Local executaron este martes a resolución en presenza de dous traballadores da planta.