A parroquia de Cobas rescata a tradición pascual de San Bieito O Negro en Meaño
MEAÑO

Os organizadores procuran recuperar a peregrinación que durante xeracións suscitou o seu culto
07 abr 2025 . Actualizado a las 15:07 h.De orixe africana e fillo de escravos, San Bieito de Palermo encontra en Santa Cristina de Cobas un dos seus lugares de culto en Galicia. Dun tempo a esta parte, a parroquia de Meaño está a recuperar a tradición que conmemora a súa figura no tempo da Pascua. Desta volta, concretamente o día 22 de abril, martes. Haberá misas rezadas ás 9, 10, 11, 12, 17 e 18 horas antes do oficio solemne, que terá lugar ás sete do serán, e da procesión que amenizará o grupo de gaita Con de Xido.
A vertente gastronómica da xornada festiva correrá por conta da polbeira Mera. Tampouco non faltarán as tradicionais poxas na honra do santo nin as colchonetas inchables de uso gratuíto para os nenos.
Coñecido popularmente en Meaño como San Bieito O Negro, a súa celebración foi durante xeracións «un símbolo de fe, de reunión, de familia e de recordos compartidos e pertenza para o pobo», sinalou esta fin de semana a organización da festa, convencida de que este xesto permite avanzar cara a recuperación da peregrinación «e tamén preservar a identidade do noso pobo».
Na presentación do cartel tomaron parte o cura párroco, Edgar Emir, e o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez.