Balance da primeira xornada da tempada de troita no Salnés: «Nada. Non picaba nada»
MEIS
Poucos pescadores nos ríos da comarca, que se foron na súa inmensa maioría de baleiro co vento do norte e co frío espantando o peixe
21 mar 2021 . Actualizado a las 22:31 h.«Nada. Non picaba nada. Eu collín dúas pequerrechiñas, que devolvín á auga. E cos que encontrei, seis ou sete, todos coma min; só un levaba unha troita». Enrique López Refojos fala da primeira xornada da tempada de troita coa calma asociada a todo pescador, e coa veteranía de quen peitea 75 primaveras e leva «desde rapaz pescando no río». Por iso, vendo na véspera a nortada que facía, daba por descontada unha máis que probable mañá de contemplación neste terceiro domingo de marzo.
Veciño de Barrantes, Ribadumia, Enrique optou este ano por estrear a campaña no río Armenteira e gozar no camiño da Ruta da Pedra e da Auga que tanta publicidade lle deu Mariano Rajoy durante os seus sete anos de inquilino na Moncloa. «Cando cheguei ao río, ás oito da mañá, o termómetro do coche marcaba 3 graos, tiña a luz de xeada acendida», di sinalando o outro grande inimigo da pesca de troita, o frío. Logo de tres horas infrutuosas no Armenteira, Enrique desprazouse a outro afluente próximo do Umia, o río de Cobas, na parroquia ribadumiense de Sisán. Pero unha hora bastou para confirmar o que a súa experiencia xa lle asegurara o día anterior. Unha mili que tería levado a boa parte dos moitos afeccionados que cada ano abren a tempada da troita no Armenteira a agardar a mellores condicións para gozar do seu primeiro día de pesca do ano: «Realmente, para ser o primeiro día, había pouca xente. Normalmente eu o primeiro día non vou ao Armenteira, porque é unha romaría de xente», cóntanos Enrique López.
Para os que descoñecen as mecánicas da pesca de río, o veterano de Barrantes explícanos que, ademais do frío e do vento, a troita foxe da auga cristalina, como a que circula este domingo nos ríos e nos regatos do Salnés. «As troitas teñen que ter o seu momento para comer. Mellor un día nubrado, con temperatura alta e se chove, mellor, para que a auga baixe turbia; sobre todo para pesca con miñoca».
Optimista de cara o resto da tempada
Con todo, Enrique López amósase optimista para o que vén por diante nos ríos do Salnés nesta tempada de troita que acaba de arrincar: «Estes días atrás andiven polos ríos, e troitas vense». E recorda como o ano pasado, despois do punto final á restrición á pesca tras o confinamento do primeiro estado de alarma, «cando se volveu, os primeiros días, nada; pero cando viñeron uns días de chuvia houbo boas capturas». A natureza marca os seus tempos, e quen sabe dela e a respecta aprende a gozar o que lle ofrece.