Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O creador de monoprazas feito a si mesmo

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

MEIS

Martina Miser

Mecánico e piloto, Paco Outeda construíu sen a menor formación en enxeñería 23 coches no seu humilde taller de Meis, algún campión de Galicia

12 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dúas semanas o seu foi un dos 109 nomes que soaron na gala de entrega das medallas ao mérito deportivo concedidas pola Xunta de Galicia. Non era a primeira vez que Francisco Outeda Rodiño (Meis, 6 de setembro de 1946) vía recoñecida a súa traxectoria no mundo do motor. A Federación Galega de Automobilismo e o Concello no que leva vivindo os seus 77 anos xa o fixeran antes, coñecedores do mérito dun humilde mecánico que, xa próximo á xubilación, comezou a escribir o mellor capítulo do seu amor polos coches de competición poñéndose a fabricalos coas súas propias mans e a única guía da experiencia práctica atesourada durante décadas. A que encapsulou nos 23 vehículos que levan a firma de Outeda Racing, nome do seu taller e escudaría: 21 monoprazas —5 barquetas e 16 fórmula 3—, un mini e un Renault Alpine de ata 208 cabalos de potencia e 380 quilogramos de peso. Gravada na carrozaría dalgún deles, o champán descorchado por varios campións galegos de montaña.

Afinando o kart de Alonso

Para comprender como un humilde mecánico de motos e de maquinaria agrícola de pequenas dimensións conseguiu fabricar os seus propios automóbiles, antes hai que mergullarse na historia de amor de Paco Outeda e o motor de competición. Unha paixón que o levou a subirse a comezos dos anos 70 do século pasado por primeira vez a un kart nun tempo no que xa ía aos circuítos do Jarama e de Montjuic a gozar da Fórmula 1 en directo. «Tiña 25 anos. Con aquela idade entón eras un chaval para os karts», di, cando hoxe a iniciación nos karts, «unha escola de pilotos», como a define o meisino, chega antes dos 10 anos.

A finais dos 70, Outeda comezou a competir con regularidade por España en carreiras de campionatos autonómicos e nacionais de karts na categoría de 250 centímetros cúbicos, gañando varias delas. Desde 1984, coa súa propia escudaría, con licenza para competir a nivel europeo, ao tempo que organizaba probas en Pontevedra, en Vilagarcía e en Meis. Foi unha etapa na que recorda unha proba do Campionato de España de Karts en 1988 en Santiago, na que o pai dun Fernando Alonso de 7 anos lle pediu «se lle podía afinar o motor». Dito e feito. O asturiano gañou aquel día.

Un roubo e un accidente cambiáronlle a vida a Paco Outeda. En 1990 «entráronme no taller —rexenta o seu propio negocio desde 1971— e leváronme todo o material», lembra. Un golpe que lle fixo aparcar a competición ata que, en 1995, decidiu mercar o Fórmula Renault 3 co que Pedro Martínez de la Rosa gañara a Copa Renault. Pero pouco lle durou: «En 1997 tiven un accidente e o coche quedou escachado».

Pioneiro en Galicia e en España

Outeda comezou a experimentar entón no seu taller. Sen formación ningunha en enxeñería, propúxose cubrir un gran baleiro: «En Galicia non había onde fixeran un coche que poder comprar. Eu fun o primeiro de España en facer este tipo de vehículos. Monoprazas non moi caros e competitivos». A clave do seu éxito posterior, «a novidade máis grande», sinala o de Meis, «foi fabricalo cun motor de moto». Carente dos coñecementos técnicos dos titulados tras os bólidos das grandes marcas, Paco conseguiu coa súa solución «eliminar peso gañando potencia» dunha forma máis barata, sacando do taller creacións propias a entre 30.000 e 40.000 euros a unidade.

No 2003, con pezas de segunda man ao alcance dos seus modestos recursos, construír o seu primeiro coche, a Barqueta Outeda, levoulle ao arousán entre 7 e 8 meses: «Hai que partir de 0. É un proceso totalmente artesanal. Partir dun feixe de tubos, cortar, soldar e ir adaptando todo para conseguir as condicións óptimas de seguridade, de peso e de aerodinámica. As grandes empresas teñen túneles de vento, pero eu tiña que facelo a man». Nin se imaxinaba Paco o que viría despois.

«Fíxeno para min, pero ao ver o seu rendemento nas carreiras, comecei ter pedidos para facer máis», relata. No 2006 o vilanovés Benito Varela gañou o Campionato Galego de Montaña cun deles. Un ano despois a empresa cárnica Montiño se converteu en patrocinadora de Outeda Racing e durante case unha década Paco se afanou en engordar a súa produción de vehículos, convertendo a pilotaxe nunha experiencia cada vez máis esporádica e centrado en ir polas carreiras do Campionato Galego de Montaña cun parque móbil de apoio aos pilotos da súa escudaría e ao canto conducira as súas creacións.

Os catro títulos consecutivos do pontevedrés Alexis Viéitez cun Fórmula Outeda entre o 2016 e 2019 son ata hoxe o colofón á aventura de Paco, que no 2016 rematou o seu último coche. «Fíxeno para min, e non creo que vaia construír máis», confesa. «Estou alto de anos e a pandemia freou a alegría que había antes; en Galicia pode haber agora 80 coches de montaña, pero só uns 20 monoprazas». Tres ou catro dos que fixeron o Campionato Galego o ano pasado eran da súa factura. Xoias chamadas a converterse en poucos anos en auténticos clásicos.