Cabalos fáciles de domar e outros non tanto deixáronse ver e tocar en Mosteiro

m. santamaría-serantes / b.c. MEIS / LA VOZ

MEIS

Sobre 200 animais participaron no paseo cabalar celebrado onte en Meis, a onde se achegaron persoas de todas as idades nunha xornada quecida polo sol

16 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Meis converteuse onte na cuadra de case trescentos cabalos, nunha feira que se foi enchendo pouco a pouco, a partir das oito e media da mañá. Da Estrada, de Cuntis ou da veciña Armenteira acudiron a Mosteiro cos seus animais para ensinalos ao resto do público nunha xornada ateigada de xente. A pesar da calor, as persoas non deixaron de acudir a un encontro que, durante as horas de sol máis duras fixo unha parénteses permitindo aos presentes ateigar os postos de comida, rosquillas e bebidas frías.

Unha edición emotiva

Case as once saía dende a feira a segunda edición do paseo cabalar, que volveu ser especial ao dedicarse á honra de Ángel Lodeiro. Ata o ano pasado exerceu de presidente da asociación cabalar Ruta Rumba, organizadora do evento, pero desgraciadamente faleceu en decembro debido a unha infección que agravou o seu estado, xa que padecía leucemia mieloide aguda.

Teríalle gustado ver o espectáculo ecuestre que se volveu montar en Mosteiro. Pola mañá había xa sobre sesenta animais apuntados ao concurso morfolóxico, aínda que a organización esperaba unha maior participación a medida que pasaban as horas. Ademais dos concursos, pola tarde realizáronse probas de andadura federada, trote non federada, unha carreira de ponis e ata unha xincana.

Os primeiros en pasar polo hipódromo foron Fontiña e Lúa, dúas eguas de pura raza galega, cun tamaño reducido e as orellas ben dereitas; a primeira foi a gañadora de esa categoría.

Xinetes de todas as idades

Nos concursos morfolóxicos os gandeiros puideron amosar os espécimes que levan anos coidando e adestrando. «Dan o mesmo traballo que os grandes, ao mellor aínda máis, que son ben revoltosos», explicaba Víctor López, un criador que foi acompañado dos seus cabalos miniatura. O gandeiro conta que el mesmo os cría porque é a súa paixón e que as veces os presenta a competicións para pasalo ben e ver outras razas. O home chegou desde Cuntis e foi a primeira vez que acudía a Meis, e ten pensado volver.

Vestido con camisa de cadros e bastón en man e tratando de controlar a un exemplar que non paraba de moverse, Víctor López ofrecía a típica imaxe das feiras galegas. Pero os tempos mudan. Nacho Bestilleiro ten tan só dezasete anos pero xa é el o que monta aos seus animais e os presenta aos certames. Compite con razas cruzadas, onte con tres, todos «moi noviños» relata, de entre un e dous anos, ao cales leva criando dende pequenos. «Algúns aprenden moi rápido, pero outros teñen moito carácter e hai que ter paciencia», revelaba mentres acariciaba ao exemplar máis novo. Os seus cabalos son só criados para competir, a veces axudan na casa a eliminar as herbas das fincas coméndoas, pero, aínda así, «só veñen para pasalo ben, se gañan é unha axuda pero non é o seu gran obxectivo».

Na feira non só había xinetes experimentados —case na súa totalidade homes—, tamén se podían atopar outros que fai tan só un par de anos que descubriron o mundo do cabalo. Agora, aínda que non teñen animais propios, conseguen que un amigo lles deixe un para aprender a montar e participar en citas coma a deste 15 de agosto como foi o caso de Adrián Cornes, que asistiu ao paseo cabalar.

Os cabalos foron os protagonistas da xornada, pero non foron os únicos cuadrúpedes que se viron nun recinto no que o po e os malos cheiros inundaban o ambiente. Tamén había burros que, segundo aseguraban, tiñan que proceder de Asturias. Incluso se podían observar corceis brancos e de ollos verdes, que cativaban ao público, e non escapaban do contacto humano.