A Deputación repara o firme das Aceñas e fará outras obras en Meis e Vilanova

La Voz A ILLA / LA VOZ

MEIS

Visita ás obras da Illa
Visita ás obras da Illa CEDIDA

Na Illa estase a renovar a capa de rodadura e a reforma dos pasos de peóns elevados nunha área de mil metros cadrados

17 sep 2024 . Actualizado a las 16:36 h.

A Deputación de Pontevedra está a executar traballos de conservación e mellora do firme na estrada provincial EP-9802 nas Aceñas (A Illa). A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, recorreu o tramo de preto de 1,5 quilómetros no que se está a executar a actuación, enmarcada no acordo marco de conservación de firmes na rede viaria da Deputación que ascende a 4,5 millóns de euros. Estase a renovar a capa de rodadura e a reforma dos pasos de peóns elevados nunha área de 1.000 metros cadrados. Ademais, a actuación tamén vai resolver deficiencias da plataforma, segundo informa a Deputación.

Isabel Couselo lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de conservación de firmes que ascende a 4,5 millóns de euros e que, no que respecta á zonza de Arousa supón un investimento de máis de 730.000 euros. Nestas semanas está previsto que se realicen traballos nas estradas provinciais EP-9701 Baión-András (Vilanova), na EP-9497 A Goulla-Porráns (Portas) e nas EP-9403 Santo Tomé-San Salvador e EP-9406 Galles-A Armenteira polo Concello de Meis.