O centro de acollida de Meis buscou fogar a 600 cans e esterilizou a 603 gatos durante o 2024

La Voz MEIS / LA VOZ

MEIS

Martina Miser

Ademais recolleu 1.200 animais, dos cales máis da metade foron devoltos aos seus propietarios

10 ene 2025 . Actualizado a las 14:12 h.

O Centro de Recollida e Protección Animal (CAAN) situado na Armenteira (MEis) atopou fogar a máis de 600 cans o pasado ano e recolleu máis de 1.200 animais, dos que máis da metade, 750, puideron ser devoltos aos seus propietarios. Son os principais datos que deixa o balance que ofreceu o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sobre o funcionamento dun servizo do que di sentirse «orgulloso».

Das adopcións acadadas no 2024, se ben a maioría foron dentro do territorio galego (507), 109 chegaron a outras comunidades de España. No que se refire a Galicia, 437 foron na provincia de Pontevedra, 33 en Lugo, 31 na Coruña e 6 en Ourense.

Dos que se quedaron na provincia, o maior número de adopcións rexistráronse no concello de Pontevedra (72), seguido de Vigo (55), Cangas (36), Sanxenxo (24), Gondomar (23), Vilagarcía (17), O Grove (15), Marín (14), Barro (12), Redondela (12), Cambados (11), Poio (11), Meaño (10), Ribadumia (10), Lalín (9), Meis (9), Vilanova (9), Caldas de Reis (7), Ponteareas (7), Ponte Caldelas (6), Cerdedo-Cotobade (5), A Estrada (5), O Porriño (5), Portas (4), Vilaboa (4), Cuntis (3), Moaña (3), Mos (3), Salvaterra (3), Silleda (3), Tui (3), Bueu (2), Fornelos de Montes (2), Mondariz (2), Nigrán (2), Pazos de Borbén (2), Salceda de Caselas (2), Soutomaior (2), Tomiño (2) ou Valga (2). Ademais, houbo unha adopción na Cañiza, Crecente, Forcarei, A Guarda, A Lama, Mondariz Balneario, Moraña e Pontecesures.

A CAAN non só recolle e busca casa aos cans. O ano pasado puxo en marcha un servizo de esterilización de gatos procedentes de colonias legalmente establecidas, a través do cal xa se esterilizaron 603 animais de 17 concellos diferentes. Actualmente son 51 os concellos de menos de 50.000 habitantes adheridos aos servizos que presta a Deputación de Pontevedra no centro de Meis.