De que todos somos uns

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

MARTINA MISER

O autor reflexiona sobre o Día do Migrante

13 dic 2020 . Actualizado a las 10:54 h.

Nestes días de invernía, ao remate da xornada laboral, noite xa, tópome pola rúa con fatos de mozos negros, grandes, fortes. Falan entre eles nunha terraza dunha cafetería ou diante dun cíber. Forman grupos cerrados. Nin me esforzo en distinguilos, nin eles se fixan nos viandantes. Non sei onde traballan, nin que saben facer. Ao pasar míroos de esguello e vexo que, permanentemente, consultan o móbil. Descoñezo como ven esta terra, pero gustaríame saber se ignoran estaren no país da emigración. Porque os galegos tivemos que irnos, coma eles, polo mundo adiante. Desde o século XVI esparexémonos por Castela e Andalucía, despois por América -Arxentina, Brasil, Uruguai, Cuba-; e, pasados os anos sesenta, por Alemaña, Suíza, Francia, Holanda, Reino Unido. Esa emigración nosa foi unhas veces legal, con rexistros, e outras clandestina, sen inscribirse en ningures: había pequenos veleiros que saían da Coruña rumbo Bos Aires, A Habana ou Montevideo ateigados de mozos ou, xa no século XX, en trens cara a Europa cun pasaporte turístico.

Fóronse artesáns das cidades, os menos, pero a metade atlántica de Galicia fixo partir a unha masa inxente de campesiños, excelentes cultivadores dos minifundios intensivos, pero descoñecedores dos xeitos de traballar a terra nas Américas. Marcharon soñando tesouros, para desempeñaren na realidade traballos que ninguén quería: cargas e descargas, mozos no pequeno comercio, porteiros, venda ambulante; e as mulleres no servizo doméstico. Asumiron os labores máis humildes, preferentemente nas grandes urbes. Sempre mostraron desarraigo e afán de retorno, aínda que lles chamaron morriña e señardade e fixeron poesía. Só unha minoría chegou a apetuñar algún carto; a maioría fracasou para regresar máis empobrecidos ou morreu naqueles países nos que eran desprezados. O mesmo ocorreu en Europa, convertidos en man de obra barata, tantas veces amoreados en barracas para, cando podían retornar, topárense cun mundo diferente e con que os seus foran evolucionando sen eles. Non sei se estes grupos de negros, tan grandes, tan altos, saben todo isto. Habería que llelo contar.

Sería necesario dicirlles que aquí teñen igual protección dos dereitos humanos que calquera?. A emigración foi e é para valentes: xente determinada a superar as adversidades e loitar por mellor vida, que xera riqueza nos países de destino. Dise que neste momento os migrantes no mundo están a piques de chegar aos trescentos millóns, contando refuxiados, solicitantes de asilo, fuxidos das guerras, da persecución, da fame ou do cambio climático; todos arriscando vidas por un futuro mellor. Hai que abordar a migración de xeito coordinado, con respecto dos dereitos humanos, como di o Pacto Mundial para a Migración Segura, Ordenada e Regular. Tócanos tratar aos migrantes como seguramente non nos trataron a nós cando o fomos. Fraternidade, solidariedade, dignidade e humanidade. Diso falaranos a ONU o vindeiro día 18, Día Internacional do Migrante. Seguramente teriamos que conmemorar algo ou, polo menos, entender o porqué dese día.