De que hai pobos obsequiosos

X.A. Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

CAPOTILLO

Última parte do relato sobre a perda, por parte do Grove, do santuario da Virxe da Area

11 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Levamos un tempo a contar que o santuario da Virxe da Area da Lanzada integrábase no Grove e temos transcrito aquí diversas confrontacións de finais do século XVII do cura de Noalla fronte ao cura de San Martiño e ao alcalde e ao Rexemento do Grove, que gobernaban na ermida e no illote ata a ponte. Esa situación seguiu inamovida ata principios do século XIX. Nesas datas, Agustín Rial, capelán da ermida nomeado polo Grove, seguía presentando contas puntualmente ao cura Francisco Varela Carvajo e ao Rexemento do Grove. Os balances eran detallados con descrición de ingresos e gastos e, de tempo en tempo, cun inventario: cálices, relicarios, un rosario, unha coroa, campaíñas e arañas -todo en prata-, copóns, vestiario sacro, tapices, cortinas de seda; chama a atención que só existisen tres bancos e sen embargo houbese oito confesionarios, quizá pola afluencia de romeiros. Pódense cotexar nos Libros de Contas do Santuario da Lanzada, no Arquivo Diocesano. Agustín Rial faleceu no 1806 e, vacante a capelanía, o cura do Grove ofreceulla a un presbítero local, de familia podente con casa no Corgo: Jacobo Francisco Aguiño Prol. Este resistíase a aceptala dicindo que «distaba desta vila más de una legua»; pero o párroco reiterou a petición e conseguiu que aceptase coa condición de exercer de xeito interino e para «evitar desde ahora el que no se inutilicen y deterioren los edificios de la Virgen con lo más perteneciente a ella y que la devoción de los fieles igualmente no baya en decadencia». Eran tempos convulsos. Perdíase Ultramar, Guerra da Independencia e Fernando VII derrogaba a Constitución de 1812 para impoñer un réxime anacrónico. Entre tanto, no 1801 chegara como arcebispo a Santiago o navarro Rafael de Múzquiz e Aldunate (1714-1821), o último señor de Santiago, que encabezou unha Xunta para rebelarse contra os franceses en 1808 e actuou permanentemente a favor do absolutismo. Nas contas anuais que presentaba o presbítero entre 1807 e 1817, vese que ían diminuíndo os ingresos. Nesa situación, o alcalde e Rexemento do Grove en 1818 acordaron ceder o santuario da Virxe da Area da Lanzada ao Conde de Torremúzquiz -irmán do arcebispo, cun fillo casado en Betanzos coa señora de Bentraces e foreiro na zona-.

O 2 de marzo de 1818 o párroco do Grove, -que pouco antes de finar tivo que soportar a claudicación de balde do seu Concello- e o capelán interino danse por sabedores de tal mercé ao conde de Torremúzquiz e, ademais, de que o arcebispo encargaba do culto ao cura de Noalla. Fixeron constar a súa protesta por tal regalo servil e decidiron entregar as alfaias e demais bens rendendo contas por derradeira vez. E na parroquia de San Estevo, o 6 de abril de 1818, fixo agora douscentos tres anos, entregaron as chaves «por cesión hecha por el Ayuntamiento de la villa del Grove a quien correspondía anteriormente la provistación de capellán, a favor del Excmo e Ilmo. Sr. Conde de Torre Múzquiz». Dous anos máis tarde o conde entregará as xoias recibidas ao cura de Noalla. E así foi a ata agora oculta felonía da perda do santuario da Virxe da Area. Por certo, non consta que ningún conde de Torremúzquiz, devolvese aínda o illote.