Da experiencia e, case, do movemento slow

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa REDACCIÓN / LA VOZ

O GROVE

SANDRA ALONSO

Quen soubera atesourala era riquísimo, porque implicaba ter vivido e algo que transmitir

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste mundo que cambia a tantísima velocidade, un descoñece xa se a perspectiva do tempo vivido permite presumir ou avergoñarse de algo que era extraordinariamente valorado ata agora: a experiencia, que viña sendo a maior fortuna para gozala ao cabo dunha vida. Quen soubera atesourala era riquísimo, porque implicaba ter vivido e algo que transmitir. A palabra vén da latina experiri, -intentar, ensaiar, experimentar- e está relacionada con experimento, experto ou perito. Fermosa etimoloxía que deixa intuír que a experiencia ten moito de sabedoría moldeada, claro é, en fracasos e vitorias. Experiencia non son coñecementos só derivados de trunfos fulgurantes, senón de experimentos, ensaios -positivos e negativos- que levan a un a considerarse coñecedor, perito en algo. Para este significado o Dicionario da Real Academia Galega explica que é «Coñecemento que se ten dunha actividade, oficio, cousa etc., adquirido fundamentalmente despois de realizala, usala ou vela, durante certo tempo» e no Diccionario da Real Academia Española dise que é unha «Práctica prolongada que proporciona conocimiento o habilidad para hacer algo» ou «Conocimiento de la vida adquirido por las circunstancias o situaciones vividas». Mais, experiencia é palabra polisémica e pódese referir tamén a vivir un suceso ou un feito concreto, unha vivencia. Así que unha definición posible de experiencia sería coñecemento derivado da acumulación de experiencias; ou o que é o mesmo: para dispor de experiencia hai que vivir experiencias. Pero a cuestión é, mentres vivimos nesta voráxine na que uns coñecementos superan e substitúen a outros cunha celeridade nunca vista, se na actualidade a experiencia é considerada algo rancio ou se valora. Trátase xa non de ver si existe a experiencia, senón de se se considera valor ou desvalor. Non é unha discusión actual porque Sócrates, que foi condenado a morte no 399 a.C por pensar, xa dixera aquilo, segundo contou Platón, de «Só sei que non sei nada» que, seguramente, vén ser o recoñecemento de que a experiencia non serve para nada mais que para darse conta de que non se alcanza. Así que, lector, estouno a meter nunha verdadeira lea: Dígolle que para ter experiencia hai que vivir experiencias e, ademais, que vivir experiencias só serve para saber que hai que seguir a vivilas nun eterno empezar, como se adquirir coñecementos fose exactamente como o mito dos traballos de Sísifo: empuxar unha pedra costa arriba que antes de alcanzar o cumio, cae pola aba abaixo e hai que volver a subila e, así, infinitamente. Aplicado á inalcanzable experiencia sería como dicir que neste mundo costa arriba, cambiante, difícil, en continuo proceso de innovación, a acumulación de experiencias, de esforzos, nunca darían conformado un coñecemento que se puidese considerar un valor definitivo porque de seguido aparecerán novas técnicas que fan que a aprendizaxe nunca remate. E por máis, agora todo se resume nun rápido, rápido, a outra cousa; de présa, de présa que aí vén unha nova experiencia: vivámola e resumámola en poucas palabras porque aí detrás chega outra. Pois paremos un pouco e, sen deixar de vivir novas experiencias, valoremos a experiencia para que siga a ser un tesouro que xustifique unha vida. Chegados aquí, sabe, lector, do que quería falar hoxe? Pois do movemento slow...