San Vicente, O Grove, Galicia, merecen todos os esforzos e xenerosidade posibles para darlle a Os Castriños e Adro Vello a importancia que teñen
10 ene 2022 . Actualizado a las 22:45 h.A situación actual do conxunto Castriños, Carreiro e Adro Vello en San Vicente do Grove é penosa, lamentable. Sálvanse un algo os antigos almacéns de salga, bens de interese cultural etnolóxico, en mans privadas e nun estado de conservación razoable, aínda que pechados ao coñecemento público. Os Castriños, segundo se intúe con ocupación desde a Idade do Bronce, sitos en terreos particulares, seguen completamente desprotexidos e continuamente espoliados, mentres se observa a simple vista como se van derruíndo as murallas defensivas. Adro Vello permanece esquecido, cheo de maleza deteriorándose día a día, especialmente os elementos de arxila. Sen embargo, hai unhas datas, coa inestimable axuda de Francisco López Franco, Chesqui, puiden coñecer o estado do expediente administrativo instado en 2017 polo Club Náutico de San Vicente solicitando a declaración deses lugares como Zona Histórica. A Academia de Belas Artes, o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo informárono favorablemente e a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura pronto cursará a publicación no DOGA da Resolución que incoe esa declaración. Tamén souben, con tristeza, pena, que ninguén solicitou ningún tipo de axuda ou subvención para o noso Adro Vello desde hai décadas. O inicio deste expediente administrativo e a súa conclusión serán unha boa nova que hai que situar no haber do actual conselleiro de Educación e Cultura, o catedrático Román Rodríguez, que coñece á perfección o xacemento.
Unha boa nova, a primeira en corenta anos, para un dos lugares históricos máis importantes de Galicia. Esa novidade será só o inicio, —necesario, iso si— que demostra que unha das Administracións públicas obrigadas con Adro Vello empeza a involucrarse. A declaración como Zona Histórica será a culminación dun trámite administrativo esencial, imprescindible, pero só papel. Chegou o momento no que as Administracións implicadas —Concello, Deputación, Costas, Xunta— actúen á unha. O Concello, xa, terá que redactar un Plan Especial urbanístico e, todas xuntas, simultaneamente, elaboraren un proxecto común e poñeren os medios para executalo que, sen dúbida convertería esa zona nunha das de máis interese cultural e histórico de Galicia. Para iso tamén sería prudente non guindar na papeleira o proxecto presentado polos veciños en febreiro de 2020. Verase agora a talla política de persoas como José Antonio Cacabelos, Carmela Silva ou Román Rodríguez, como representantes das institucións que poden levar adiante un plan que permita seguir escavando e estudando mentres se realiza a protección e musealización que farán posible coñecer, visualizar e transmitir os coñecementos atesourados alí que, sen dúbida, nos representan. Non deberían escatimarse recursos nin esforzos, nin avolver este proxecto nunha curta, inepta e cega loita política porque San Vicente, O Grove, Galicia —a Historia en realidade— merecen todos os esforzos e xenerosidade posibles para darlle a Os Castriños e Adro Vello a importancia que teñen.
Que sexan esas personalidades, parafraseando o Himno de Galicia, «os bos e xenerosos que nosa voz entenden e que con arroubo atenden e non os iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros, que non nos entenden, non». Pero tamén é certo que todo isto non sairá adiante sen a vixilancia, apoio e esixencia permanente dos veciños e dos cidadáns en xeral, —gran papel o da prensa— porque agora pode que esteamos a conseguir que sexa un logro de todos e que a ninguén que pase por alí se lle volva a encoller o corazón coa carraxe!.