Do espolio e da descontextualización

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

BASILIO BELLO

Ademais dos achados que se incorporen coas novas escavacións, terase que devolver a Adro Vello o material espoliado, espallado por diversos museos e ciscado por lugares privados

30 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días coñeceuse a boa nova de que a Dirección Xeral de Patrimonio publicará a resolución que incoa o expediente para a declaración como Área Arqueolóxica da zona de San Vicente do Grove que vai entre Os Castriños e A Barcela, así como unha parte subacuática. Mentres se tramita —un máximo de vinte e catro meses— terá efectos de resolución firme en canto á protección. Ninguén entendía como ese espazo non estaba xa declarado BIC e convertido nun gran museo. Con esta decisión, valente, ábrese unha gran oportunidade para que o pasado se transforme en futuro. Mentres a Consellería de Cultura leva a bo porto o procedemento, é necesario  que actúen a política e a sociedade en xeral, para impedir que esa resolución quede nun simple título honorífico. Polo que se vai contando, parece que as seccións locais dos partidos políticos, a grandes liñas, están de acordo no substancial e conflúen en iniciar un proceso no que teñen que intervir todas as Administracións  competentes, —non enlearse en febles e ineficaces comisións locais— para transformar esa zona nun lugar completamente estudado, visitable e musealizado. Con esa publicación anunciada para o 8 de febreiro xurdirá a obriga de manter e coidar ese patrimonio que se impón aos propietarios dos bens sometidos ás prescricións da Lei de Patrimonio Cultural.

O deber de conservación, mantemento e custodia de Adro Vello para evitar a súa perda, destrución ou deterioro recae no Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico —Costas do Estado—, o seu titular dominical, porque o xacemento está maiormente dentro da liña de dominio público, nunha duna comesta polo mar. Ese organismo dispón de recursos suficientes e de técnicos cualificados. Outras cuestións serán as ampliacións de escavacións, alzamento da estrada e exploración e cata en busca da urbe e das salinas que deberían toparse por alí e da creación de estruturas protectoras —vénme a cabeza o dolmen de Dombate—, tamén fronte ao cambio climático. É urxente coordinar ás Administracións para conformar, xa, un órgano, chamémoslle consorcio —como o da cidade de Santiago, por exemplo— que sexa capaz de pór en marcha eses proxectos con solvencia. Só o Consello da Xunta pode crear ou recoñecer un museo ou un centro de interpretación do patrimonio cultural. Polo tanto, tamén por isto, resulta imprescindible para ese proceso ir da man do goberno autonómico. Haberá material para encher de contido un museo? Si, evidentemente. Ademais dos achados que se incorporen coas novas escavacións, terase que devolver a Adro Vello o material espoliado, espallado por diversos museos e ciscado por lugares privados. A Moeda de Adro Vello debe volver, así como a pedra votiva do deus Devero e os sartegos.

Todos eses elementos teñen que estar contextualizados onde se atoparon e no lugar en que cumpriron algunha función. Lonxe de alí están desnaturalizados. A deslocalización é unha característica do espolio do patrimonio, porque ao subtraer un ben do seu lugar orixinario, pérdese parte do valor cultural do xacemento e do obxecto, incluso aínda que estea noutro museo. É clarificador ir ao dicionario. Espolio significa «privar de algo que lle pertence, dun xeito inxusto e violento». Como sinónimos aparecen saquear, desposuír, despoxar e roubar. Descontextualizar é sacar feitos, palabras, etc, do seu contexto. Benvidas, pois, a incoación do expediente BIC e a intención dos partidos políticos de apoiar esta declaración. Unha vez máis, sinalar que chegou a hora da política con altura de miras e, aínda que se lidere desde alí esta transformación, sería un grande erro considerar esa Área Arqueolóxica exclusivamente como cousa dos do Grove. Como se a Catedral de Santiago fose cuestión dos santiagueses.