A tripulación agarda chegar ao porto vasco o martes para participar no Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais
15 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Alá a vai. A dorna Irmandiña partiu onte cara a localidade vasca de Pasaxes chea de ilusión e cunha tripulación de catro persoas ben experimentadas: o patrón Pepe Garrido, xunto con Antonio Grandío, José Gallego e Manolo Rey, integrantes todos da Asociación da Dorna Meca. Van camiño do Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais de Valor Patrimonial que se celebra na provincia de Guipúscoa do 26 ao 29 de maio.
Tras partir cargada de víveres a primeira hora da mañá, a tripulación meca fixo parada pola tarde no porto de Fisterra, «agardando a que entre vento favorable», sinalaba Garrido. Todo apuntaba a que iso podía suceder cara ás nove da noite, cando tiñan previsto retomar a travesía.
As condicións semellan favorables de momento. «Parece que teríamos vento de popa ata Estaca de Bares», explican, así que o equipo debería atracar en Pasaxes o vindeiro martes pola noite, logo de costear o mar Cantábrico, se no fan paradas no camiño, claro. A Irmandiña, que foi botada ao mar co aparello de vela ao terzo no momento da súa construción, no 2004, foi modificada hai uns anos para poñerlle unha vela cangrexa e dous foques, idóneos para unha navegación clásica máis práctica, como a que agora emprende. Así que, salvo problemas técnicos ou cambios meteorolóxicos, a travesía non debería presentar grandes problemas, pois está curtida en grandes traxectos como o que fixo no 2016 ata La Rochelle, en Francia. É das máis grandes que hai no Grove, pois conta con nove metros e medio de eslora, polo que podería dispor de ata dez tripulantes a bordo.
A de Pasaxes é unha das citas máis agardadas polos amantes da cultura marítima e a navegación tradicional, xunto cos encontros bianuais que dende hai trinta anos celebra a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar. Ata 150 barcos de diferentes países do mundo se reunirán nos vindeiros días na localidade vasca: goletas, fragatas, buques de guerra, pero tamén dornas, volanteiras, bucetas e botes. Así que o festival promete dar moito de si. Xunto á Irmandiña estarán presentes no festival outras nove embarcacións de Galicia. Unha expedición que reunirá a preto de 70 persoas, que na súa maior parte farán o camiño por estrada, a excepción da Irmandiña e o Piueiro de A Guarda. Non será a única embarcación meca que se poida ver neste encontro, pois tamén irá a dorna de tope Laxe de Boibas. Elas serán a representación de Arousa nestas xornadas. Onde se fale de patrimonio marítimo, O Grove sempre ten que estar presente.