A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que Televisión Española desoe e incumpre a lei co uso de «La Toja»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

MONICA IRAGO

A defensora da audiencia da canle pública sostén que nos seus informativos estatais TVE debe empregar sempre os topónimos en castelán

25 abr 2023 . Actualizado a las 21:36 h.

A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) vén de dirixirse á defensora da audiencia de Televisión Española (TVE) para rebater a explicación coa que esta defendeu o uso do topónimo La Toja nun programa da canle pública en resposta á protesta dunha cidadá galega. Un uso que, sinala a MNL, é contrario á lei. 

Segundo a entidade en defensa do galego: «TVE afirma na súa resposta formal á espectadora galega que o seu Manual de Estilo a obriga a ser ‘especialmente escrupulosa en el respeto a la toponimia conforme a la legalidad vigente', pero defende que ‘cuando se trate de localidades que poseen oficialmente dos nombres, uno en castellano y el otro en la lengua cooficial, pero ninguno ha sido cambiado mediante una ley de las cortes generales, se deberá emplear el más utilizado por la audiencia (si es el informativo nacional, se debe usar el castellano), sin que se deba nombrar con los dos nombres en paridad de valor'». 

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística veñen de dirixirse á defensora da audiencia da canle pública estatal para informala a ela e mais aos servizos xurídicos da corporación RTVE do contido da Lei de Normalización Lingüística do idioma galego en vigor desde hai xa case 40 anos. Tamén da xurisprudencia asentada no Tribunal Constitucional e no Tribunal Supremo que, apuntan na MNL: “Afirma a plena validez do artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística que sinala que ‘os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega' e engade que lle «corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza».

 

Presunción de «ignorancia» 

O presidente da MNL, Marcos Maceira, fixo a súa interpretación sobre o criterio defendido desde TVE: «Queremos pensar que o uso interesado e errado que os servizos xurídicos e a propia defensora da audiencia fan da lexislación para argumentar a favor da deturpación toponímica non está baseada na mala fe, senón na ignorancia sobre todo canto ten a ver con Galiza, as nosas institucións, as mudanzas lexislativas operadas hai case 40 anos e a xurisprudencia que as asentou». Unha ignorancia que Maceira cualifica de: «Especialmente grave, ao se tratar dun servizo público de televisión, dependente do Estado e financiado tamén co diñeiro das galegas e dos galegos e que debe dar sempre información veraz». 

Neste punto, a Mesa pola Normalización Lingüística non quixo deixar pasar a ocasión presentada pola resposta da defensora da audiencia de Televisión Española a unha cidadá galega polo uso de La Toja para informar á corporación estatal dos, sinala: «Incumprimentos reiterados da lexislación audiovisual nas porcentaxes de uso do galego e dispoñibilidade de contidos en galego para menores de 12 anos»

Maceira remata recordando unha máxima do Estado de Dereito: «O descoñecemento das leis non exime do seu cumprimento».