Do Museo Conde Corbal na Torre de Escuredo

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

O GROVE

XOSE CONDE CORBAL

Adquirir simultaneamente o edificio e a colección familiar  pode implicar unha oferta conxunta que satisfaga a lexítima pretensión económica da familia

18 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Serxio González publicou nestas páxinas o pasado 13 de xuño o artigo, magnificamente escrito, Conde Corbal, a escrita en imaxes do pintor que merece o Día das Letras, no que con motivo da exposición Corbal no Mar de Arousa en Cambados instaba a que Xosé Conde Corbal (1923-1999) fose homenaxeado cun Día das Letras. Boa iniciativa: é merecedor, claro.

A súa vida transcorreu entre O Grove, Vilagarcía, Pontevedra, Vigo e Ourense, pero transcende estes localismos e é un dos grandes creadores do século XX. A súa obra, en mans privadas e públicas, anda por toda Galicia e a súa familia conserva, entre outras, unha moi importante serie sobre a represión derivada da Guerra Civil de 1936, unha colección pictórica sobranceira que merece a divulgación para o coñecemento público e o amparo da Lei de Memoria Democrática, e outras obras de fortísimo interese antropolóxico nas que destaca a recreación de paisaxes rurais, conxuntos etnográficos ou diversos oficios de mar e terra.

Quizá o máis recoñecible de Conde Corbal sexan os gravados. Afundación dispón dunha colección deles. A traxectoria artística de Conde Corbal, a súa testemuña vivencial, particularmente comprometida na posguerra, e a interrelación coas principais figuras intelectuais de Galicia, precisan dun museo.

Como se sabe, casou con Margarita Escuredo, herdeira da Torre de Escuredo. E de aí o seu vencello co Grove, onde pasou moitas tempadas e deixou testemuña artística de xentes, dornas, mar, paisaxes. Xa temos falado aquí que a Torre de Escuredo esboróase e con cada anaco desfeito foxe unha parte da historia, non só da local, senón tamén da de todos os personaxes que algún día gozaron de vivencias na torre; ou sexa, da Historia, con maiúsculas, común. Vaise derruíndo a Torre no medio dunha loita polarizada, radicalizada, sen puntos de encontro: o Concello do Grove, atendendo a un interese xeral, di querer facerse coa propiedade dese inmoble e a familia de Conde Corbal, defendendo un interese privado, está conforme en alleala pero non concorda coa oferta monetaria. E o edificio esmorece día a día.

Por iso é preciso buscar, xa, puntos de consenso, porque, a pesar desa actual radicalización, nin unha parte nin a outra descoñecen as razóns que asisten a cadaquén. Un, persoalmente, sempre estará a favor do interese público porque representa a viabilidade para a conservación dun edificio tan senlleiro, simbólico e cargado de historia. Ao Concello do Grove, non obstante, aféaselle non ter planificado para que quere a torre. E neste para que pode vir a converxencia: A importancia da figura, da obra, da etapa vital de Xosé Conde Corbal precisan un museo. Non vexo outro lugar para situalo diferente da Torre de Escuredo, nin existe ningún espazo mellor para a conservación e mostra das súas creacións que este edificio tan emblemático onde residiu coa súa familia.

É de supoñer que nesa necesidade —que non é só local— de honrar a Xosé Conde Corbal, divulgar a súa importancia como pintor e dar testemuño a través da súa obra dunha etapa histórica tan importante, confluirán a familia e as diversas Administracións con competencias culturais, patrimoniais e de Memoria Democrática: Concello, Deputación, Xunta, ministerios. Adquirir simultaneamente o edificio e a colección familiar —no réxime que se acorde— pode implicar unha oferta conxunta que satisfaga a lexítima pretensión económica da familia, pero tamén a de dispor dun museo dedicado a un artista senlleiro e, por outra, erguer a un nivel sobranceiro o patrimonio de Galicia.

Sensibilidade para pór a todos de acordo

O interese das Administracións debería confluír para adquirir a Torre de Escuredo e a colección pictórica familiar e situar alí o Museo Xosé Conde Corbal e, quizá, habilitar salas permanentes para a Memoria Democrática, ou para Goday ou, mesmo, para Carlos Álvarez, e outras para exposicións temporais. Fai falta sensibilidade e vontade para pór de acordo a todos. Hainas, debe habelas.