Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Da Torre de Escuredo, símbolo de prestixio e poder

O GROVE

Martina Miser

É probable que a actual Corporación do Grove, e a Xunta e a Deputación, estean polo labor de manter en pé esta Torre, rehabilitala e darlle uso público; se a deixasen caer, sería un síntoma de incapacidade dese poder actual

16 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Se se quere saber a historia moderna do Grove, hai que aprendela na Torre de Escuredo. Espero que non poida dicirse que tamén descifra o presente. Este inmoble catalogado reflicte etapas históricas desde fai catro séculos sendo símbolo continuado de poder, case sempre alternado con arte, xusto antes das sucesivas ruínas. Podemos alterar ese ciclo e que volva ser vangarda se conseguimos entre todos transformala para sempre, por exemplo, no Museo Conde Corbal. Historia, Toxa, mar, conserva, arte, vidas; riqueza, pobreza —sic transit gloria mundi, podería dicir nun alarde pretensioso—: todo está alí. A edificación sitúase nunha elevación, O Montiño, desde onde, en tempos, controlaba a entrada por mar e terra cara ao porto e ao burgo e probablemente, ese lugar, coa inmediata Vilavella, fose a orixe da vila. A denominación do edificio, sen prexuízo de ocupacións máis antigas, era Casa ou Pazo da Carrela, topónimo que pode facer referencia a unha eira malladía ou lugar de cobranza de cereais en especie, quizá en monllos. Porque a Torre ten as súas raíces na peculiaridade administrativa do Grove, unha illa, case illa hoxe, que, a diferenza dos concellos da contorna, dependía directamente da Mitra Compostelá e tiña como administrador de diezmos e rendas aos Fernández Mariño de Soutomaior, unha familia enraizada na historia de Galicia, propietaria dese Pazo e da Casa Torre de Balea e xa se verá se relacionada con Colón. Aí está o testemuño de como se rexía o municipio grovense, unha etapa pouco estudada ata agora, con titularidade da Igrexa, como nas Cíes, Ons e Sálvora. Ese Pazo nunca deixará de ser o centro do Grove. Desaparecida a dependencia eclesiástica refíxose para ser protagonista na nova xeira que se produciu coa comercialización das augas minerais da Toxa, coñecidas antes da época romana —Toxa, igual que Louxo, son hidrónimos prerromanos referidos a un lugar enlamado ou a unha corrente de auga onde lavarse—. O Marqués de Riestra, (1852-1923), que comprometeu a súa inmensa fortuna nesa illa, deu en construír un centro termal para transformar A Toxa nun emporio turístico. Nesa época, sendo preciso un administrador do complexo da Toxa, tamén un investidor, apareceu Luis Mestre Roig que comprou o Pazo da Carrela aos Fernández Mariño de Soutomaior, que xa non tiñan foros que recadar, e transformouno, mantendo a construción como símbolo de poder. Herdaron Luís Antonio e Luisa Mestre, por metades. Despois do dominio económico viñeron momentos de esplendor: cultura, visitantes insignes, pintura, música, literatura... mentres a xente do común andaba descalza; pero, tanto onte como hoxe, da nostalxia non se vive, a poesía nunca deu dividendos, e os sons elegantes do piano de dona Marianita Solá Mestre enmudeceron ao esgotárense rendas e accións herdadas; así que o espazo que ocupaba o vello Pazo da Carrela foi adquirido pola nova elite emerxente: os industriais Eugenio Escuredo e Francisco Lores. E así, a vivenda de máis sona do municipio seguiu ostentando unha notoriedade que durou o mesmo que a actividade conserveira local. A metade de Francisco Lores, na que habitaba o comprometido escritor M. Lueiro Rei, desapareceu substituída por un edificio de pisos e, agora, só se conserva a parte dos Escuredo —que tivo entre os seus últimos residentes ao excelso artista X. Conde Corbal—, dividida entre múltiples herdeiros, asfixiada por dous inmobles que nunca deberon autorizarse e totalmente decrépita. Hoxe, cousas da democracia, o poder é a Administración Pública; en realidade, aquela xente do común descalza. E é probable que a actual Corporación do Grove, e a Xunta e a Deputación, estean polo labor de manter en pé esta Torre, rehabilitala e darlle uso público. Se a deixasen caer, sería un síntoma de incapacidade dese poder actual; creo que non van permitilo e, de novo, a Torre de Escuredo re-inventaríase, desta volta como orgullo colectivo.