Lueiro Rey, de novo

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

O GROVE

Manuel Lueiro Rey.
Manuel Lueiro Rey. AS

04 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de tres décadas despois do seu pasamento, o nome de Manuel Lueiro Rey (Fornelos de Montes, 1916?O Grove, 1990) ten unha notable presenza no organigrama literario de Galicia. Existen tres importantes premios co seu nome: de narrativa (no Grove, onde residiu tantos anos), de poesía e de xornalismo (ambos os dous en Fornelos de Montes, onde naceu). Son os tres xéneros literarios que cultivou preferentemente o noso escritor, sempre con paixón, musa inevitable nun home da condición intelectual de Lueiro Rey. Da adhesión á vida e á obra de Lueiro —ó cidadán e ó escritor— é proba ben elocuente, nos nosos días, o volume Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida (coordinado por Ramón Nicolás), no que colaboran máis de medio centenar de autores (Xerais, 2013; hai reedición: Bos Aires, Alborada). Lueiro é un caso claro, moi claro, de escritor que está convencido da responsabilidade social da literatura, criterio que practicou, moi intensamente, nos tres xéneros, desde 1975.

Tamén no xornalismo, xénero que dita esta miña columna de hoxe, pois o próximo domingo, 6 de agosto, no seu Fornelos de Montes, farase entrega do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey, na súa sexta edición. Recibirao a escritora Miriam Ferradáns Ferradás, autora dun fermoso e desacougante artigo que é un «relato» moi ben construído. Abundan na obra poética e prosística de Lueiro os nenos pobres, os nenos que, como seus pais, padecen a historia, que outros fan. Nesta liña ou neste espírito está o artigo premiado nesta edición. Gustaríalle a Lueiro, que xa era un xornalista de febra social moi novo, cando colaboraba en El País (Pontevedra), xornal que dirixía Roberto Blanco Torres, aquel gran xornalista que apareceu morto, nas terras de Entrimo, no mes da sega do 36.

No caso de Lueiro, como no de tantos outros escritores, chegou a hora de ofrecer aos lectores, antes que reedicións dos seus libros, antoloxías moi meditadas dos xéneros que mellor o definen. Eu comezaría por unha escolma do seu labor xornalístico, centrada, basicamente, nos seus dous «intransixentes» volumes sobre a transición política española.