«A cidadanía en xeral desexa que se incorpore para uso público ese espazo»
27 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Frustrar vén do latín frustrari: enganar, facer inútil ou eludir; o noso dicionario achega o seu significado a fracasar, a non dar o resultado esperado. Aínda que nesta columna xa falara da Torre de Escuredo, desde o 18 de xuño ininterrompidamente veño resaltando diversos aspectos desa edificación en ruínas que darían para un bo libro; e animo a quen queira escribilo. Dez domingos seguidos sen ningunha reacción. Nin chío. Estou, como non, frustrado. Nesta frustración individual, que carece da máis mínima transcendencia, xúntome co extenso tempo de loita de diversas persoas e colectivos entre os que desexo facer constar a Francisco Meis, ao colectivo Torremakers e, seguramente, a diversos concelleiros que nestes últimos trinta e tantos anos tentaron unha solución e, nomeadamente, a aqueles que nas Normas Urbanísticas grovenses de 1996 catalogaron ese inmoble como protexido, sendo alcalde o lembrado Antonio Galiñanes. Na parte escura non poño a ninguén, aínda que resulta obvio que habelos hainos; pero, con sinceridade, resístome a crer que alguén non queira a integración no público da Torre de Escuredo. Nin os donos. Opino con firmeza que a cidadanía en xeral desexa que se incorpore para uso público ese espazo, por moito que practique profusamente o de dicir o que algún gobernante quere oír. A situación legal da Torre, aparte de que está a ser levada cun notable escurantismo, é, actualmente, complexa. Intentando simplificar -perigoso, pero obrigado aquí- sinalar que os donos, que queren vender esquecéndose da co-responsabilidade da ruína, e tendo en conta que a normativa urbanística actual e a futura impiden o aproveitamento urbanístico do solar, presentaron diante do Xurado de Expropiación da Xunta de Galicia a petición de que se lles expropiase forzosamente, propoñendo un prezo. Este organismo rexeitou a petición e os solicitantes formularon unha demanda contenciosa. Nese proceso figuran taxacións que van desde catrocentos mil ata dous millóns e medio de euros. Unha arquitecta, moza, designada polo Tribunal a petición dos donos e do Concello avaliou o inmoble nunha cifra máis achegada á que defenden os propietarios, aínda que iso non quere dicir que os maxistrados teñan que entrar a valorar nada. Esa é a controversia actual: non tanto o que vale, senón se o Concello ten que expropiala. Diante da diverxencia das contrapostas taxacións -a máis forte xuridicamente, que non quere dicir a máis acertada, parece a realizada na Sala do contencioso- semella razoable para as partes e para a sociedade unha negociación. Por moitas razóns: quizá a menor sexa a de que dese xuízo -quizá cara a outubro- poida saír unha sentencia que contente a unha parte ou que non deixe satisfeita a ningunha. Pero hai outras motivacións máis profundas porque xa case é un dito popular que conservar o patrimonio é impedir que desaparezan as testemuñas culturais e, no caso da Torre de Escuredo, está a piques de borrarse con ela o decorrer da vila do Grove polo menos dende a Idade Moderna. Ademais o patrimonio histórico-cultural é unha riqueza colectiva, a súa conservación unha tarefa da sociedade e, por suposto, cumpre unha función social que os poderes públicos teñen que salvagardar. O patrimonio cultural é a unión, a conexión entre o pasado e o presente, exerce unha misión identitaria; é a expresión viva da historia. Pero, tamén, pode seguir satisfacendo outros cometidos de cara ao colectivo, máis alá de dar a coñecer a súa propia razón de ser. Neste caso, sen prexuízo das decisións políticas de quen corresponda e da rehabilitación, propuxemos un Museo Conde Corbal ou da Memoria Democrática e pedimos una Sala Castuera e un andel para Vida Gallega e para Ernesto Goday e para Carlos Besada e para a historia da Toxa ou para a historia de seu. Obviamente, ninguén ten por que facer caso desta modestísima columna, nin o fan. E iso, se un non estivese curado de espantos, podería provocar sensación de fracaso. Pero, ollo, a frustración pode ser colectiva.