Javier Olleros: «Ver un restaurante coma Terra traer a Galicia outra estrela foi emocionante»

Serxio González Souto
Serxio González O GROVE / LA VOZ

O GROVE

Martina Miser

O chef de Culler de Pau, que gozou da gala Michelin 2024 en Barcelona, mantén a súa segunda estrela por cuarta tempada consecutiva e felicítase por que «o norte de Galicia luza un pouco máis»

30 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Culler de Pau (Reboredo 73, O Grove) figurará na Guía Michelin 2024 con dúas estrelas por cuarta tempada consecutiva. O proxecto de Javier Olleros, o primeiro restaurante galego que obtivo esa segunda distinción, continúa a medrar e apunta a algo máis, aínda que esa será outra historia. O chef arousán participou na gala de Barcelona na que a prestixiosa publicación deu a coñecer o martes as súas novidades para España. Entre elas, a estrela de Terra, en Fisterra, a décimo novena do firmamento gastronómico galego. «Ademais dun reencontro cos compañeiros, ver un restaurante coma Terra traer para Galicia outra estrela foi, de verdade, moi emocionante», subliña o cociñeiro grovense.

Olleros non ten máis que palabras de gabanza para Brais Pichel e o seu equipo: «Son rapaces moi conscientes da terra, do seu pobo, que traballan con humildade pero moita paixón e están a poñer Fisterra no mapa». Ao chef gustoulle o evento de Barcelona. «Foi unha gala moi bonita, na que creo que todas as estrelas foron moi merecidas». Pero, unha vez máis, destaca que «o norte de Galicia luza un pouco máis».

Pasaron dez anos dende que Culler de Pau obtivo a súa primeira estrela, na guía do 2013. Estreou a segunda no 2021. «Conseguila non foi sinxelo nin doado, pero por suposto que o notas. Se Michelin a recoñece é porque ve posibilidades de máis. A nivel do negocio sempre é un plus, porque chegas a un público moi interesante». Esa influencia non afecta tanto ao traballo, posto que no restaurante de Reboredo a motivación e a esixencia veñen de serie. E se Olleros pon a énfase en algo, é sen dúbida na calidade do seu equipo: «O capital máis importante son as persoas, unha xente sólida e comprometidísima, formando parte da nosa paisaxe do Grove».

Un apuntamento final, xa que son as datas que son. En Noiteboa, para cear, «lixeiro, de calidade e sempre rico, pero sen leármonos. O importante é a compaña, e a comida en compaña».