De sermos felices na Noitevella como sempre

X.A. Ochoa

O GROVE

MARTINA MISER

Vai continuar todo igual e esta moderna escravitude será cada vez máis abafadora

31 dic 2023 . Actualizado a las 19:04 h.

O mundo non vai cambiar neste novo ano. Gustaríame mentir e dicir que non teño nin idea do que nos traerá o 2024. Pero non é así. Non van rematar as guerras senón que, probablemente, aparecerán outras novas; tampouco —que xa o dicía moi ben santo Tomás de Aquino causa causae causa causati— a cobiza do capital non deixará de fabricar armas -2,24 billón de dólares anuais- para destruír xente máis rapidamente; por suposto a solidariedade mundial non se vai producir neste ano e seguirán os migrantes, os desprazamentos forzosos, a desigualdade e a fame. Hoxe mesmo haberá catorce millóns de desprazados forzosos máis que os cento catorce millóns que había en setembro e, segundo nos di ACNUR, xa non teñen fondos para afrontar esta emerxencia. Pero tamén fará falta botar unha ollada local e vénseme á cabeza, por poñer, que aos nosos anciáns cando precisen acudir a unha residencia esixiranlles pagar uns dous mil trescentos euros mensuais, máis IPC, e non os teñen. E verán acotío con angustia como os traballos e aforros de toda unha vida desaparecen porque as políticas sociais nestes Estadiños neoliberais son inxustas neste eido. Non sei que nos reservará o futuro aos que imos detrás. Tamén é seguro que o sistema bancario continuaranos asolagando cada xornada. E estaremos máis controlados coa axuda da Intelixencia Artificial. E persistirán os accidentes de tráfico que segan vidas mozas. En fin: vai continuar todo igual e esta moderna escravitude, na que o patrón é o imperio financeiro internacional e cada un de nós simples produtores de beneficio para eles, será cada vez máis abafadora. Vai ser así sen remedio.

Nas guerras sabemos que a de Israel contra Palestina converterase nun conflito multilateral, aposto o que queira, lector, e non se alcanzará nin un triste acordo asinado enriba de ruínas e cadáveres. Nos campos de trigo e nas cidades de Ucraína seguiranse a probar, gastar, consumir, armas por ver quen é máis potente, se o bloque de Estados Unidos ou o bloque de Rusia. Os mortos en Nagorno Karabaj, Sudán ou Iemen como non se transmitirán en directo pola televisión, non doerán. E o 2024 conseguirá que a ONU, que debería aspirar a ser un goberno mundial, se vaia esborrallando. Estes días, o primeiro ministro israelí botoulle un pulso a Antonio Guterres, secretario xeral da ONU, con fachenda, sen rubor, e vaillo gañando ata facernos pensar que a ONU non serve para nada, sobre todo tendo en conta que no seu Consello de Seguridade segue vixente o dereito de veto que atenaza calquera avance e só a deixa actuar cunha certa liberdade en emerxencias humanitarias, como se fose unha simple ONG.

Pero sempre queda unha esperanza porque neste 2024 haberá citas electorais por todo o mundo e temos que ter a ilusión ?seguramente ilusión de iluso- de que cada un de nós é consciente do que temos que votar porque, na teoría, queda nas nosas mans, nas dos simples cidadáns, que se deseñe un mundo mellor. Haberá moitas eleccións e votará o 51% da poboación mundial, uns catro mil millóns de persoas. Suficientes para cambiar o destino do mundo, se quixeran. Galicia, País Vasco, Austria, Bélxica, pode que Alemaña -subirá en Europa a ultradereita?-, Parlamento Europeo, Rusia, India, EE. UU., Indonesia, Taiwán, México, O Salvador, Venezuela.

Pois si: pensemos que algo queda nas nosas mans e enganémonos con que este 2024 empezará a cambiar a Terra. E por iso, lector, non debería ser tan pesimista coma min e podería matinar que o mundo pode ser transformado e que o 2024 será bo para os pobres, porque eles o deciden. Un dos sinais de que todo irá mellor terao esta Noitevella: Verá como vai haber un optimismo colectivo incrible e recibirá abrazos efusivos, afectuosas felicitacións inesperadas de persoas que nin sequera sospeita que o aprecien e vostede quedarase a pensar en cantos amigos ten, que tan querido é, que a vida é fermosa e por iso vostede, como toda a xente, levará un enorme sorriso. Bicos, apertas, alegría, ledicia; brindes, música, baile, festa porque todos seremos felices, oficialmente felices. Dea vostede moitas apertas a quen lle apareza por diante e non se cohiba en desexar un próspero 2024. Ala, veña: a sermos felices esta noite!. Como todas as noites de fin de ano.